Plataforma. Festival de artes performativas naceu cunha vocación e un obxectivo que continúan na actualidade: o enriquecemento da potencia cultural de Santiago de Compostela. Nesta cuarta edición chega a ser un dos festivais de referencia na cidade: unha cita cultural indeclinable para as primeiras semanas de xuño.

Non é doado etiquetar Plataforma, xa que se trata dun proxecto de carácter trasversal que, baixo o fío da performatividade, trata de tender pontes entre artes visuais e artes vivas, a música, a arquitectura ou a poesía e outras disciplinas artísticas, traballando en rede e programando accións performativas que están na liña de acción doutras institucións públicas ou privadas: o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación DIDAC, a Fundación Eugenio Granell, ou a sede da SGAE, Sociedade Xeral de Autores e Editores. Esta complicidade permite presentar iniciativas que, pola súa natureza experimental e híbrida, non adoitan ter cabida nos programas dos museos ou nas programacións estables do ámbito cultural. Deste xeito, foméntase a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas, creando conexións creativas interesantes e cruzando públicos diversos.

Plataforma bríndase á cidade e quere ser patrimonio da mesma, proxectando o talento local, contextualizándoo e destacando a riqueza monumental compostelá. Así, as diferentes localizacións axudan a coñecer os distintos espazos urbanos: marcos paradigmáticos como a Praza do Obradoiro, a de Praterías, a Quintana, San Martiño Pinario ou a Igrexa da Universidade, parques como Belvís, San Domingos de Bonaval, ou mesmo as propias rúas da cidade. A isto, súmanse as accións performativas concibidas para a colaboración con agrupacións locais, como é o caso da xa habitual apertura do festival coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, que nesta cuarta edición actuará da man de Antón Reixa.

O festival Plataforma comprométese coa riqueza patrimonial de Compostela, mais tamén coa súa diversidade e co fomento da igualdade e mantén unha preocupación pola sustentabilidade das súas propostas e pola promoción do talento local. Baixo a dirección da Cooperativa Performa, pretende traballar en complicidade co maior número de axentes, institucións e espazos no referente cultural que é a cidade de Compostela. Deste modo, o festival encaixa na rica programación cultural da cidade pola súa transversalidade, pola descentralización das súas localizacións, pola súa escala, pola súa programación pensada para espazos singulares e pola súa accesibilidade.

As accións performativas e escénicas permiten transformar Santiago de Compostela en escenario, convertendo a cidade e os seus habitantes nos protagonistas de cada actividade. As artes vivas, polo seu carácter integrador e participativo, pola súa ineludible contemporaneidade e pola súa capacidade de provocar a vivencia directa da creación no aquí e agora, son a canle idónea para comunicar a idea de cidade moderna, de territorio vivo, humano e saudable, que avanza cara o futuro pensando no fomento de valores como a igualdade, a integración social, a saúde, a educación en convivencia, a sustentabilidade, a ecoloxía e o respecto polo patrimonio, potenciando a cultura como eixo transversal que atravesa todos e cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable polos que aposta a Axenda 2030. Plataforma é un festival inclusivo que fomenta a colaboración entre artistas de diversas disciplinas e condicións, que promove o cruce de públicos diversos e interesantes conexións creativas.

Plataforma. Festival de artes performativas reuniu ao longo das súas edicións performances, música, danza, teatro, poesía, conferencias performativas, deseño e arte contemporánea en exposicións e accións capaces de unir o talento galego con profesionais de gran recoñecemento internacional. Con estreas absolutas de pezas de artistas, performances creadas especificamente para o festival ou accións poético-musicais inéditas, Plataforma situouse como unha recoñecida e valorada referencia no seu campo dentro do contexto ibérico.

David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo

Dirección de Plataforma. Festival de artes performativas