O FESTIVAL
Plataforma. Festival de artes performativas naceu cun obxectivo: enriquecer e destacar a potencia cultural de Santiago de Compostela e toda a súa diversidade. Dende o seu nacemento en 2020, este obxectivo materializouse en cada edición, creando experiencias reais de comunicación entre o público e a cidade a través da arte. Cunha importante representación feminina e unha decidida aposta polo talento galego, Plataforma impúlsase ata a súa sexta edición, como un dos festivais de referencia da cidade e unha cita cultural imprescindible. Plataforma. Festival de artes performativas é un festival especial, cunha natureza híbrida e atrevida. Nel conflúen diferentes propostas atravesadas pola idea da performatividade, que poderemos gozar entre o 21 e o 25 de maio en distintos espazos culturais e nas rúas e prazas da cidade de Compostela. As actuacións que acolle Plataforma. Festival de artes performativas queren achegar a performance a todos os públicos, mostrando accións que habitualmente non teñen espazo nas programacións estables das institucións culturais.
A performance é un espazo de creación aberta no que domina a interacción e a comunicación co público. A súa característica principal é a necesidade de estar presentes para experimentala, o seu carácter é efémero e irrepetible. O que sucede no espazo-tempo da performance é unha experiencia artística que nunca volverá ter lugar da mesma maneira. Deste espírito irrepetible e provocador nútrense as diferentes propostas de artes vivas deste festival. Plataforma Santiago será, durante uns días, punto de encontro de artistas, performers, músicos, actores, bailaríns, coreógrafos, e público participante, nunha experiencia compartida e de vangarda chea de posibilidades estimulantes. Plataforma converte Santiago de Compostela nun escenario vivo, no cal os propios habitantes, a súa diversidade e a súa rica contorna son protagonistas especiais, fomentando un espazo de igualdade e integración social e orientándose sempre á sustentabilidade das súas propostas en consonancia cos Obxectivos de desenvolvemento sostible e a axenda 2030.
ORGANIZA
Cooperativa Performa
DIRIXIDO POR
Mónica Maneiro Jurjo (contactar)
Iñaki Martínez Antelo (contactar)
CO APOIO DE
Concello de Santiago de Compostela
Compostela Cultura
Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC
Xunta de Galicia
Deputación da Coruña
SIGNUS ECOVALOR
Fundación DIDAC
COA COLABORACIÓN DE
Fundación SGAE
Patio de luz
DESEÑO
DARDO (Cristina Moralejo)
FOTOGRAFÍA E VÍDEO
ESNOSIA (Carmen Verdú)