Primeiro Premio Plataforma
La Ribot
Concello de Santiago
La Ribot recibiu o primeiro Premio Plataforma, no ano 2021,que recoñece a traxectoria dunha figura da performance de mans do Alcalde de Santiago de Compostela no Concello da cidade. Cada ano Plataforma, o festival de artes performativas quere outorgar o premio a unha artista cuxas achegas no campo da performance, as artes vivas ou performativas sexan significativas e referente de novas xeracións de artistas. La Ribot é unha artista que cumpre sobradamente todo isto, polo seu traballo rigoroso en unión compacta da danza coas artes visuais. A súa capacidade para transgredir e mesturar códigos e técnicas, a súa orixinalidade, e o crear unha linguaxe propia convertérona nun referente indiscutible non só en España senón en todo o mundo..
La Ribot é coreógrafa, bailarina e artista visual e ao longo da súa traxectoria foi desenvolvendo un corpo de traballo baseado na exploración dos límites do corpo, da danza, da performance, das artes visuais, sempre evolucionando e probando novos modos e espazos para mostrar as súas pezas.
No mes de outubro de 2021 recibiu o León de Ouro á súa carreira na Bienal de Venecia de Danza, galardón que se sumou ao Premio Nacional de Danza e á Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, premios que outorga o Ministerio de Cultura do Goberno de España, ademais de recibir en 2019 o Gran Premio Suízo da Danza. Este premio Plataforma que recibiu, moito máis humilde, é tamén un recoñecemento con forma de agradecemento, por confiar en Plataforma cando o festival era só un proxecto.
La Ribot foi a primeira pedra para construír Plataforma, e por iso pensamos que nunha cidade de tan marcada condición pétrea como Santiago de Compostela, o premio non podía ser outro que ese, unha pedra. Neste caso unha pedra poética, que conta unha historia, que como a cidade, é unha sorte de trampantoxo barroco. Esta pedra saíu das mans da ceramista Verónica Moar, que traballa a cerámica expandindo as súas posibilidades en campos como a escultura, a performance e a danza contemporánea.
La Ribot participou na primeira edición de Plataforma coa exposición Manual de uso no CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, na que se puido ver un percorrido polos seus traballos dos últimos vinte anos.
Na edición de Plataforma de 2021 presentou a Pièce distinguée n°45, que é polo momento a única peza distinguida que non pertence a unha serie/espectáculo e para a que contou coa participación do actor Juan Loriente.