
Xoves 22 / 19:00 h
Praza das Praterías
Performance
Praza de Praterías
Estrea absoluta
Entrada libre
Andrea Mosquera e Benxamín Otero
Sinfonía dunha cidade corpo
Camiñas polas rúas. Un ritmo non regulado entre o choque do zapato contra a beirarrúa e o corazón contra o peito; o son dunha bolsa e unha respiración entrecortada. Pasan coches. Un coro de mozos grita bobadas, soa un teléfono, alguén corre ao traballo, algo cae, e o semáforo ponse a cantar, convidando a todo o mundo cara adiante.
A cidade é un corpo. Cando a habitamos, convertémonos na súa alma, dámoslle vida. Ao mesmo tempo, a cidade tamén nos habita, impúlsanos, cámbianos.
Sinfonía Dunha Cidade-Corpo é o resultado da participación no programa de Residencias in situ organizado por Performa grazas á colaboración da Deputación da Coruña e Fundación DIDAC en Santiago de Compostela. Durante varios meses Benxamín Otero e Andrea Mosquera crearon dous catálogos sonoros. Nun deles recompilaron sons cotiáns da cidade, aqueles que poderían ser de calquera outra parte, e tamén aqueles que a fan única. No outro, sons do corpo humano no seu interior ou durante a acción.
Durante a presentación en Plataforma, Benxamín Otero transformará o organismo vivo que é Santiago de Compostela en música que servirá de ligazón e de aglutinador para a acción performativa e corporal de Andrea Mosquera.
Benxamín Otero (Lalín) é titulado en Óboe e en Historia e Ciencias da Música, abre a súa experiencia como intérprete e compositor no terreo da música académica cara a outras sonoridades como a tradicional, o jazz ou as músicas do mundo, e tamén cara a outros ámbitos creativos como a poesía e a fotografía. Como compositor creou músicas para pezas audiovisuais, curtametraxes e documentais, traballando para diversas compañías teatrais e tamén varias obras de cámara e de grande formato para coro, banda e orquestra sinfónica.
Graduada en Belas Artes, Andrea Mosquera (Ourense) combina na súa obra diferentes disciplinas, como a fotografía, a escultura, a instalación ou a performance, que lle serven como vehículos para investigar cuestións como o concepto de habitar/deshabitar, a acción humana sobre o medio, as relacións persoais e impersoais ou o paso do tempo. Nos últimos anos, Andrea participou en diversas mostras colectivas e festivais. Actualmente cursa o Máster en Prácticas artísticas e estudos culturais: corpo, afectos, territorio. (Centro Huarte, Universidade Pública de Navarra (UPNA) e a Universidade do País Vasco).