Project Description

Berio Molina

Dislocación

10-18 DE XUÑO

18.30_CGAC. Salas de exposicións

Performance duracional 10/06–18/06
Berio Molina
En colaboración con Calís Pato e Alejandra Pombo

Dislocación é un exercicio de toma de posesión do museo. Para iso, Berio Molina, Alejandra Pombo e Calís Pato, instalarase no CGAC e habitarán as súas salas durante a duración do festival Plataforma, realizando unha serie de accións cotiás e sonoras que filmarán e rexistrarán durante as súas horas activas. Comer, durmir, facer exercicio, bailar, serán algunhas das súas actividades. Ao mesmo tempo os tres artistas chamarán a atención dos residentes da cidade a través da activación do son emitido polas bucinas instaladas na terraza do centro. Dentro, a súa voz rebotará contra as paredes buscando algún tipo de resonancia, unha dislocación entre outras, pero que é ese son?, que significa? de onde vén? e, o máis importante, onde nos sitúa?

Dislocación forma parte da exposición O museo como escenario.

Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Ampliou os seus estudos en arte interactiva na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona cun Máster en Artes Dixitais e no Rochester Institute of Technology (R.I.T.) de Nova Iorque cun Máster en Computer Graphic Design. Dende 1999 interesouse pola creación colectiva sendo membro do grupo de acción Flexo co que ademais organizou o Festival de Novas Tendencias IFI nos anos 2002, 2003 e 2004; do colectivo arredor da paisaxe sonora escoitar.org dende o ano 2006 ao 2016; e do colectivo de arte e acción libre alg-a onde tamén administra a editora de arte sonora Netlabel alg-a dende o ano 2004. Actualmente vén de presentar xunto a Alexandre Cancelo o filme 7 Limbos (2019), unha deriva de acción sonora que se estreou na Mostra de Cinema periférico (S8) e que recibiu o premio á mellor dirección de obra experimental da man de Crea. Vén de publicar o libro Setras (2018), un estudo sobre a escritura acusmática Premio Especial do Xurado nos Puchi Award, outorgado por La Casa Encendida e a Editorial Fulgencio Pimentel.