Project Description

Cabello Carceller

Cabello/Carceller.

VENRES 11 DE SETEMBRO – 18.30 H

18.30 H Auditorio CGAC

[voces] Conversa con Cabello/Carceller. Modera: Mónica Maneiro

20 H Parque de Bonaval

Cabello/Carceller. Rapear Filosofía.
Con Menina arroutada, García MC, Rendi Nue e DJ Mil
Estrea en Galicia

Conversa con Cabello/Carceller
Reserva
Auditorio do CGAC

Acción no Parque de Bonaval
Reserva

Existen moitas formas de interpelar a un texto, non só a través dunha lectura pausada. Os textos ensaísticos, aqueles que analizan e reflexionan sobre os nosos contextos e os efectos destes na construción das subxectividades, non escapan á presión dos seus propios ritmos. Rapear Filosofía: Foucault, Sontag, Butler, Mbembee indaga na busca dos ritmos internos que posúe a escritura teórica e na maneira na que estes ritmos afectan aos significados que nos transmite. Para isto, decidimos des-estruturar os modos de lecturas tradicionais, nesta ocasión performativizando unha selección de ensaios a través das cadencias que lles confire unha interpretación rapeada das súas letras. Nunha performance/concerto experimental os textos son fragmentados, apropiados, reconstruídos, musicados, incorporados e presentados como discurso musical recitado por catro MCs (Menina Arroutada, García, Rendi Nue e DJ Mil).

Para este concerto seleccionamos catro textos de catro autores preocupados por como o poder institucional utiliza a violencia no control dos comportamentos humanos. A través dos ensaios destes teóricos realizamos unha rápida viaxe dende os anos setenta ata a actualidade. Dende o xurdimento do concepto de biopolítica, acuñado por Michel Foucault para referirse ás tecnoloxías do poder que utiliza o modelo de Estado xurdido a partir do século XVIII na súa necesidade de controlar as poboacións, unhas tecnoloxías que veñen a sumarse -e nalgúns casos a substituír- ás tecnoloxías disciplinarias, ata o concepto necropolítica, herdeiro do anterior e articulado por Achille Mbembe para referirse aos actuais sistemas de goberno que utilizan a devastación e o asasinato como ferramentas políticas para a anulación do outro, creando mundos de morte e aplicando as tecnoloxías da destrución para reducir á poboación ao status de mortos viventes, como ten sucedido en Palestina, Kosovo ou nalgúns estados africanos. Susan Sontag, pensadora comprometida, concienciada polos efectos da guerra na antiga Iugoslavia e en Ruanda, reconduciu o seu anterior libro Sobre a fotografía e en Ante a dor dos demais reflexionou sobre a importancia do uso da fotografía para deixar constancia dos horrores da guerra, á maneira en que Goya deixou constancia nas súas pinturas e gravados, superando a estetización da morte, e a tortura, da dor. Pola súa parte, Judith Butler, filósofa coñecida por introducir o concepto de performatividade de xénero e por situar as teorías queer no centro da filosofía política, reflexiona en Vida precaria sobre a necesidade de aprehender o sufrimento e a violencia a través das imaxes e sobre a necesidade de interpelar o uso que delas se fai, sobre como o rostro do outro, desa outra vida que temos enfronte, pregúntano e fainos reflexionar no entorno da violencia. Sobre diferentes bases musicais seleccionadas por Dj Mil, acompañadas das voces dos pensadores, os MCs fan súas as palabras, as sílabas, os fonemas, profundando nos ritmos que tanto a manifestación formal da linguaxe como os significados inherentes ao texto nos ofrecen, convertendo en partitura unha selección de fragmentos dos textos elixidos. Os textos teñen os seus propios ritmos, só hai que atopalos; ás veces son os propios ritmos os que provocan as ideas e rixen os conceptos e non á inversa.

Cabello/Carceller