Project Description

A artística (Olga Cameselle y Alfredo Rodríguez)

Sábado 10/06/2023

20.00_Parque de Bonaval
Cando marche non vou pechar a porta
Danza
Duración: 40 min
Entrada libre

A estas alturas podemos xogar coas décadas brincando entre as que palpitan no corpo e as que habitan nos currículums e así facer un rítmico abaneo: 60-30-60-30-60-30… e botar uns bailes ou unhas parrafadas ou uns cantos ou… «tomarlle unha».
A estas alturas das décadas que o corpo expresa na súa materialidade e no seu peso vital hai cuestións nas que as liñas divisorias (no caso de que existisen nalgún momento) entre «vida» e «oficio» comezan a esvaerse como se dunha peculiar presbicia se tratase coa que o enfoque tórnase borroso, defectuoso.
Os límites, que cousa son? A estas alturas… que máis ten? Ou teñen algo de certo?
Sabemos que non imos ficar nun espazo eternamente, o acto de entrar ou saír, de chegar ou marchar é toda unha aventura. Deixar cousas inconclusas, deixar de dar explicacións co fin de fechar «algo» de acoutalo, non ter xa a necesidade de deixar pegada algunha, saberse marca que vai ser borrada polo mar e tomar a decisión: Cando marche non vou pechar a porta.

A artística é un proxecto froito da fusión de A Factoría Teatro (Alfredo Rodríguez) e Disque Danza (Olga Cameselle) que abrangue creación, produción, formación, difusión e investigación no eido das artes performativas (linguaxe teatral e dancística) enmarcada nas tendencias actuais. Entre os seus proxectos realizados atópanse os espectáculos De pé crebado (2018), Leixaprem, non me veñas con cantigas (2016), Illas Atlánticas (2014), Arquitectura da emoción (2013), Verde a tempo completo (2012), Menú vexetal (unha aventura dixestiva) (2011), Nin contigo nin sen ti (2010) ou Alicia & Alicia (textos de Paula Carballeira, 2010) entre outros. Tamén teñen realizado talleres e o proxecto de residencias de creación artística multidisciplinar desenvolto no Verbum, Casa das Palabras durante os anos 2009, 2010 e 2011 así como o proxecto Espazo en espera no MARCO de Vigo. Participaron en festivais como HerDanza (2016) ou Festival Alt.15 (2015) entre outros.