Project Description

Christian García Bello

Christian García Bello

Sábado 12 de setembro – 12 H

Fundación DIDAC

Inauguración da exposición Christian García Bello.
Pongo mi pie desnudo en el umbral
Comisario: David Barro

No traballo de Christian García Bello sempre hai algo que nos conduce á paisaxe. Por unha banda a vocación pictórica que ten a súa escultura. Por outra, a súa maneira de votar sombra dende o debuxo, cultivando a dimensión oculta do espazo visual, excitando suavemente o resto de sentidos e en especial unha sorte de tactilidade que se enfronta ao plano a partir da experiencia temporal e á pátina do desgaste que a acompaña. Na súa maneira de convocar os espazos de ficción que lle preocuparon dende o inicio da súa traxectoria, sempre con un sentido moi performativo.

Porque máis que traballar a paisaxe cultiva a súa resonancia, as súas tensións. A experiencia é o que lle da a escala, que ocasionalmente pode perverter ou refinar na súa interpretación para o pracer do ollo, como sucedía na arquitectura grega e as súas correccións ópticas. Mentres, a memoria é o que lle da sentido conceptual, a oportunidade, a súa condición literaria, que non literal. Porque Christian García Bello non concibe o poder elixir un material sen auscultar a súa capacidade narrativa, á que posteriormente lle suma outras capas que suman entereza ao seu obxectivo intelectual.

Neste sentido, Un pie desnudo en el umbral, a primeira exposición individual de Christian García Bello (A Coruña, 1986) na Fundación DIDAC, propón un relato que vai camiñando dende Bélxica ata a fronteira de Galicia con Portugal, trenzando cuestións entorno ao territorio, as súas formas, a súa historia e o paso do tempo, empregando unha linguaxe escultórica radicalmente ascética e articulando dende a poética do material.