
h
Cía. Furia Sotelo
Sobre o extravío ou a arte de perderse
Sobre o extravío ou a arte de perderse é un solo de danza interpretado pola bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo baixo a dirección de Ana Vallés no que nos invitan a compartir unha viaxe a través do espazo interior e exterior dunha muller. Nesta peza o movemento, o texto, o espazo sonoro, o corpo e os obxectos, conxúganse para facernos espectadores e cómplices dunha maneira de construir(se), habitar, extraviarse e chegar a lugares non previstos.
Sobre o extravío ou a arte de perderse bríndanos a oportunidade de abandonar a visión periférica e dispersa que adoitamos ter do mundo, para centrarnos na descuberta da sorpresa continua agochada no noso interior, nos obxectos e as accións cotiás.
Nuria Sotelo (Ourense) é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no campo do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, participando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro. Os espectáculos de Licenciada Sotelo, reconvertida a Furia Sotelo foron apoiados pola AGADIC, o Festival ALT de Vigo, o Festival Escenas do Cambio, Corpo(a)Terra entre outros. Ten participado en programacións e festivais nacionais e internacionais.