Project Description

Macarena Montesinos

Concerto monocromo 

XOVES 9 DE XUÑO

20.00_Praza do Obradoiro

Macarena Montesinos +
Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela
Director: David Fiuza

Macarena Montesinos é unha artista fronteiriza que traballa entre a música e as artes visuais. Para inaugurar esta edición de Plataforma preséntanos Concerto Monocromo, unha peza sonora creada dende unha dimensión visual, que se estrutura partindo de dous conceptos gráficos, como son o punto e a liña, coa súa correspondencia sonora, nota corta e nota larga.

A praza do Obradoiro de Santiago de Compostela converterase no lenzo para interpretar esta peza na que o silencio é tratado como baleiro, o son como materia e a repetición como motivos visuais, pintados dunha soa cor, con unha soa nota.

Dentro do proceso, dunha forma aparentemente sinxela pero intimamente complexa, necesitárase da complicidade dos intérpretes. Os membros da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida por David Fiuza, crearán os seus propios patróns rítmicos, desvelando así unha rede de polirritmias, repeticións e densidades que darán como resultado unha obra sonora imperdible.

Violonchelista, improvisadora, intérprete, artista visual e investigadora. Actualmente é investigadora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, onde estuda a relación entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.

Macarena Montesinos é unha artista cunha longa traxectoria. Colaboradora en múltiples propostas e integrante de diferentes formacións de improvisación e música experimental como o cuarteto de corda Suelen Estar Quartet, Napal ou Fonogenia, ente outros. Ademais, é membro da orquestra de improvisación dirixida, Orquesta Galega de Liberación, e foi membro da orquestra OMEGa e Metamovida. Ata a data ten máis dunha ducia de discos publicados en selos europeos e americanos como CreativeSources (PT), Pan y Rosas (EE.UU) ou Setola de Maiale (IT).

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848 e perdura nos nosos días. Como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio, paliando en parte as restricións educativas no ámbito musical que sufría a poboación infantil máis desfavorecida e que en moitos casos supuxo un medio de vida para moitos deles.

Durante os primeiros anos é unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Nesa época redáctase un regulamento para o seu funcionamento. Unha das súas actividades máis importantes eran os
concertos, denominados paseos, na Alameda ou na Rúa do Vilar, o que supón o traslado da música dos seráns privados a un ámbito público onde poden gozar del cidadáns de todos os estamentos sociais. Actúa tamén nas festas e nas procesións de Semana Santa.

Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal e Auditorio de Galicia, Praza da Quintana, Praza das Praterías, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. Conta con 36 compoñentes e a súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e domingos, concertos didácticos en período lectivo nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.