Project Description
Coro da Ra e Benxamín Otero
XOVES 16/05
20.00_Praza das Praterías
Coma un cento de paxaros
Performance concerto
Coro da Ra e Benxamín Otero
Director: Ramón Bermejo
Duración: 25 min
Acceso libre
Estrea absoluta
A idea do individuo como construción cultural choca directamente coa idea da colectividade. Nun momento actual no que o individualismo opera en todos os ámbitos, podemos observar que extrañamente existe unha homoxeneización cada vez maior nos gustos e intereses. Onde remata o individuo e onde comeza o colectivo?
A acción inaugural indagará a través dun concerto en movemento, en ideas como a formación do grupo, o número, a ocupación do espazo común. A través dun recitado continuo as persoas membros do coro identifícanse e recoñécense marcando un fito de unión que marca o inicio dun canto conxunto dende cada voz individual coma o voo dun cento de paxaros.
O Coro da Ra é o coro residente de “Estudio, Centro profesional de música moderna”, de Santiago de Compostela. Foi fundado no ano 1993 polo seu director Ramón Bermejo. Está formado por corenta e cinco voces mixtas, a maior parte delas cantantes afeccionadas, pero tamén conta nas súas filas con grandes profesionais da escena musical galega. O seu repertorio céntrase na música popular moderna, sobre todo en estilos como o soul, o gospel, o jazz, o rock, o pop, ou a música brasileira.
O Coro da Ra sempre levou os seus espectáculos ás rúas e prazas nos seus afamados concertos comando, pero tamén actuou nos grandes teatros de Galicia (Teatro A Fundación, de Vigo; Teatro Colón, da Coruña; Teatro Principal, Salón Teatro e Auditorio de Galicia, de Santiago de Compostela; Pazo da Cultura e Teatro Principal, de Pontevedra, etc.). No 2022 levou o Premio Martín Códax da Música na categoría de coros.