Project Description
El Museo del Pueblo
DOMINGO 12 DE XUÑO
12.00_Praza do Toural
Daniel García Andújar
El Museo del Pueblo é unha procesión de «obras mestras» low cost cuxos orixinais forman parte das máis insignes coleccións museográficas. A cidade, transformada nunha galería improvisada, servirá como escenario que nos trasladará en esencia a aqueles camiños que os mestres, artistas e intelectuais das Misións Pedagóxicas percorrían para levar aos pobos máis remotos e pobres de España copias dos cadros máis famosos, neste caso do Museo del Prado e do Hermitage.
Así, El Museo del Pueblo sitúase no centro do debate sobre a reapropiación patrimonial, a produción ou o uso e acceso ao coñecemento, e convértese nunha mostra do dereito que ten o pobo á cultura, o dereito ao saber, a coñecer e a comprender.
Daniel G. Andújar (Almoradí, Alacante, España, 1966) é un artista visual, teórico e activista que traballa e vive en Barcelona. A través de intervencións no espazo público e un uso crítico dos medios dixitais e as estratexias de comunicación das corporacións conectadas a el, o seu traballo teórico e artístico oscila entre territorios reais (a cidade) e virtuais (a Rede). Impartiu e dirixiu talleres e seminarios para artistas e colectivos sociais en numerosos países. As súas obras mostráronse en numerosas exposicións en todo o mundo, incluídas Manifesta 4 e 53a Bienal de Venecia. O Museo Nacional Centro Arte Reina Sofía acolleu unha completa mostra individual en 2015, comisariada por Manuel Borja-Villel. En 2017 participa en documenta14 en Atenas e Kassel.