
Venres 4 / 19:00 h
Sala Agustín Magán
Proposta escénica. 55 min
Félix Fernández
Xavier a través de min
Unha obra de marcado carácter autobiográfico e non documental a través da cal o creador rende homenaxe á figura do seu irmán Xavier, falecido hai máis dunha década, co trazo dun percorrido íntimo que busca recuperar e expoñer o seu legado inmaterial no presente. A peza articula unha linguaxe híbrida que entrelaza a danza, a voz, o texto, a instalación e o espazo sonoro, xerando unha experiencia visual case confesional. Mediante un dispositivo escénico fundamentado no analóxico e en obxectos activadores da memoria compartida, Fernández desprega unha celebración da vida que non elude a melancolía da perda. Desenvolvida co asesoramento coreográfico de Rut Balbís e o acompañamento terapéutico de Raquel Calvo, a obra explora mediante o corpo cuestións universais como a consciencia, o amor, o sublime e a procura da felicidade.
Biografía:
Félix Fernández (Viveiro, 1977) é artista interdisciplinar e músico, licenciado en Belas Artes e formado en danza contemporánea e performance. A súa obra, entre o vídeo e a fotografía, a performance, a danza, a instalación, a música electrónica e o debuxo, explora como o social, político e tecnolóxico crúzase co íntimo e existencia, en busca de ser o espello no que o público poda verse reflectido. Presentou o seu traballo en espazos como o CCCB de Barcelona, Matadero Madrid ou o Instituto Cervantes de Tokio, ou festivais como Escenas do Cambio (Santiago) e TNT (Terrassa). Recibiu recoñecementos como a Beca Gas Natural Fenosa ou o Premio Canarias Mediafest. Actualmente compaxina a súa práctica artística coa xestión do Colectivo RPM e do programa de Residencias Paraíso, ademais de dirixir INNFLEXIA, proxecto que vincula a creación contemporánea coa música electrónica.








