Project Description

Françoise Vanneraud

Venres 09/06/2023

19.00 a 21.00_Fundación DIDAC
Inauguración da exposición
Nin principio nin fin. Unha paisaxe á deriva
10/06–17/09
martes-venres: 10.00–14.00 / 16.00–19.00
sábado: previa cita

Françoise Vanneraud é unha artista francesa que traballa o tempo e a paisaxe como territorio e como narrativa histórica, como memoria, a través da fotografía, o debuxo, a pintura e a instalación con vocación performativa. A exposición Nin principio nin fin, unha paisaxe á deriva é un proxecto dunha paisaxe que contén outras paisaxes que a artista acumula e rexistra durante as súas viaxes. Neste caso o punto de partida é unha enorme instalación de fragmentos montañosos —Atlas, Alpes, Cordilleira dos Andes…— que se deslizan na súa pintura, da cal se desprende o xeo, que acaba converténdose nun arquipélago de icebergs que se expande polo chan nunha sorte de cadro dentro do cadro, con forma de paisaxe que se descompón para lembrarnos a fraxilidade da nosa contorna e como a nosa actitude ou implicación é clave para a súa preservación ou destrución. Este territorio quebradizo lévanos ao sentido de deriva como maneira alternativa de ver e habitar a realidade, na que para atopar algo resulta preciso perderse.

 

Françoise Vanneraud naceu en Nantes, Francia 1984. Vive e traballa entre Nantes e Madrid. Françoise Vanneraud é licenciada con honra na Escola Superior de Belas Artes de Nantes en 2007, así como do Máster de Arte, Creación e Investigación da Universidade Complutense de Madrid (2011). A súa obra foi exposta nacional e internacionalmente, tanto en exposicións individuais e colectivas. As súas exposicións individuais máis recentes inclúen «Habitar la frontera» (2013) no Museo Nacional Patio Herreriano, «Forever inmigrant» (2013) no Museo de Belas Artes de la Roche sur Yon, «No me cuentes historias» (2011) na Galería Raquel Ponce, Madrid, «Les insaisissables» (2010) no Musée Estève Bourges, «Mundo en perdición» (2010) na Noche Blanca de Madrid, «Golondrina» (2010) na Fundación Caixa Galicia, A Coruña, e en Vigo. Destaca tamén a súa participación coa Galería Raquel Ponce, na feira internacional Arco (2012/2013) así como en Maco, México DF (2012). Conta con obras nas coleccións das Fundacións Explum e Abanca, así como en Artothèques de Marseille, e de Nantes e no CNAP (Centre national d’art plastique).