
Mércores 29 / 17:00 h
Exteriores do Museo do Pobo Galego
Poesía performativa
Ismael Ramos
Medro, medro e non sei onde parar
Medro, medro e non sei onde parar é unha proposta que combina poesía, acción pública e memoria política. A peza transforma o espazo urbano nun lugar de encontro entre palabra e reivindicación colectiva. A través de panfletos poéticos, intervención gráfica e un recital performativo arredor do verso de María Mariño, a proposta recupera a forza da poesía como ferramenta de mobilización e resistencia. O proxecto dialoga coa tradición do activismo cultural galego para preguntarse polo papel da cidadanía nun presente marcado polo desencanto político e o avance do autoritarismo. Unha acción viva e colaborativa que entende a manifestación tamén como manifesto poético.
Biografía:
Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é autor do libro de contos A parte fácil (Xerais, 2023) e dos poemarios Lixeiro (Xerais, 2021), Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández; Lumes (Apiario, 2017), escollido por Babelia como un dos cinco mellores libros galegos publicados no século XXI e Premio Javier Morote 2019 das Librarías Independentes Españolas (CEGAL); e Os fillos da fame (Xerais, 2016), Premio Johán Carballeira. Recentemente, o seu conto “A lebre”, incluído en A parte fácil, foi galardoado co prestixioso Premio O. Henry 2026 nos Estados Unidos, converténdose así no primeiro escritor do estado en obter esta distinción. Actualmente traballa como profesor e colabora en medios como elDiario.es, no que publica periodicamente reflexións sobre política, sociedade, ecoloxía, saúde mental e memoria colectiva.








