Project Description

Juan López

Juan López – Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela

XOVES 10 DE SETEMBRO – 19.30 H

Museo das Peregrinacións/Praza das Praterías

Accións performativas de Juan López coa colaboración da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela
Director: Casiano Mouriño

O binomio recordo-repetición e a performatividade (como repetición autorizada ou cita) danlle cohesión aos traballos de Juan López. O artista procura buscar o xeito máis sinxelo, intentando non limitarse formalmente ao resolver cada peza, para considerar preguntas que recontextualicen ao espectador/actor colocándoo nunha nova situación dende a que mirar aos demais e a si mesmo.

Con esta serie, na que realiza distintas aproximacións á idea de himno a partir da música que Pascual Veiga compuxo para o himno galego, trata de xerar distintas lecturas e considerar cuestións sobre as ideas de comunidade, carácter, unión, cohesión ou representatividade, pero tamén, á súa vez, sobre as ideas de diferenciación, disfunción ou desunión: xoga coa idea de himno e o que significa, como e para que se utiliza, para considerar preguntas sobre a nosa identidade comunitaria : que é o que nos une?, como vemos aos outros?, como nos ven os outros?.

Así, os espectadores se enfrontarán a distintas interpretacións desfiguradas da peza de Pascual Veiga nas que, por exemplo, grupos de interpretes poderán atoparse en total asincronía co resto, xerando unha serie infinita de variacións en discordancia, un (no)himno orixinal en cada momento.

Coas pezas desta serie o artista trata de xerar unha coreografía no espazo que intenta substraer á secuencia da súa literalidade para convertela nunha especie de estereotipo no que se vexa reflectido o espectador, e, apelando á memoria colectiva, xere os interrogantes anteriormente citados.