Project Description

Rodríguez Méndez

La puerta natural, 2022

VENRES 17 XUÑO

18.00_Teatro Principal

Chus Pato / Rodríguez-Méndez

entradas

Durante o 2021 recibín por correo postal os cadernos de Rodríguez-Méndez.
Cada álbum contiña 100 imaxes, acompañadas por un pé no que o artista daba conta de cada unha delas.
Chegaban nunha carpeta azul, envoltas en papel de seda e foron para min unha vida sensible e intelectual de intensidade suprema.
Comprometérame a comentar as imaxes que ao meu ver tiñan relación coa morte.
Así o fixen ao longo deses 365 días.
Son nove bloques de escritura que responden aos 9 cadernos de Rodríguez-Méndez.
Paralelamente escribía a onda oitava dun libro que agora no 2023 estou a piques de rematar “Sonora” e no que traduzo o loito pola perda da miña nai.
A eses nove bloques de imaxes e escritura tería que engadir os nove poemas da oitava onda de “Sonora”.
Durante un ano a miña mente foi unha coas estampas dos cadernos. Foi algo inesquecible.
Algo que xa non precisa nin de min, nin de Rodríguez-Méndez.
Alenta en por sí. Autodeterminado e ceibe como todo proxecto artístico.

Chus Pato

Chus Pato (Ourense, 1955) é unha das voces máis representativas da poesía galega contemporánea. É autora de dez poemarios, publicados entre 1991 e 2013, polos cales recibiu varios premios, como o Premio Nacional da Crítica Española, na súa modalidade de poesía galega. Ademais da súa importante proxección no ámbito anglosaxón (Estados Unidos, Canadá ou Irlanda), os seus poemas foron editados en países como Arxentina, Chile, Portugal, Holanda, Bulgaria, Rusia, Francia e Bélxica, entre outros, e a súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. O 23 de setembro de 2017 ingresou na Real Academia Galega.

Rodríguez-Méndez (As Neves, 1968) é licenciado pola UCM de Madrid, os seus proxectos expositivos foron presentados no CA2 M de Móstoles, S.M.A.K. e Vooruit Arts Centre de Gante, CGAC de Santiago de Compostela, IVAM, La Casa Encendida de Madrid, e individualmente en institucións como o S.M.A.K. de Gante, Matadero Madrid, Instituto Cervantes de Madrid, MARCO de Vigo, e Fundación Yaddo en Nova York.