Project Description
La Ribot
Venres 18 de setembro
Vestíbulo CGAC 18 setembro 2020 – 14 febreiro 2021
Apertura da exposición La Ribot, Manual de uso
Comisariado: Iñaki Martínez Antelo
Por motivos relacionados coa pandemia da COVID-19, a artista La Ribot viuse obrigada a adiar ate novo aviso a súa performance da Pièce distinguée n°45, inicialmente prevista para o 18 de setembro no CGAC.
Manual de uso é unha exposición de La Ribot (Madrid, 1962) na que se mostra un percorrido polos seus traballos dos últimos vinte anos. As obras que integran a exposición están, como todo o seu traballo, en unión compacta da danza coas artes visuais. Para unha artista que se move entre ambos os mundos, entre teatros, auditorios, salas de exposicións, museos e mesmo feiras de arte, moitas das súas creacións foron concibidas nestas oportunidades que ten para poder abordar diferentes traballos nos que un dos condicionantes principais é a temporalidade, unha cuestión que será tratada neste proxecto no CGAC, no que poderemos ver en directo a Pièce distinguée n.º 45, ademais dalgunhas das súas obras en vídeo, instalacións e fotografías.
Desde principios dos noventa comeza a traballar na construción dunha obra distinta na que empeza a desenvolver as Pezas distinguidas: solos de curta duración que iría acumulando en series/espectáculos desde 1993 e que xogan cos límites entre disciplinas artísticas. Algúns destes traballos chegaron mesmo a ser adquiridos por coleccionistas, expondo cuestións sobre o efémero, o inmaterial e o mercado da arte.
As súas coreografías teñen unha duración que vai desde apenas trinta segundos ata as seis horas de Laughing Hole, unha performance que, tras a súa estrea na feira Art Basel en 2006, puido verse en Galicia no MARCO de Vigo e continúa representándose por todo o mundo, como moitas outras das súas creacións.
O traballo de La Ribot está estruturado mediante un sistema que lle permite investigar, expandir e cuestionar os límites espaciais e temporais da danza e deixar atrás as fronteiras entre público e artista, recoñecendo tamén a figura dos técnicos e dos figurantes.