Project Description

Lar Legido

Lar Legido

Xoves 17 de setembro – 20 H

Praza da Constitución

Concerto Lar Legido sobre a obra de Manuel Eirís

Lar Legido, batería, investigador sonoro e performer nacido en (Castromonte, Valladolid) fórmase no Centro de Encuentro para el Desarrollo de la Improvisación (CEDI) en Madrid, con profesores e artistas como Pedro López, Belma Muñor, Markus Breuss e Wade Matthews, encauzándose no que será o seu principal foco de actuación e investigación: a improvisación.

Amplía a súa formación en varios cursos sobre a música contemporánea, electroacústica e improvisación xunto a Eddie Prevost, Norbert Moslang, Andy Guhl, John Butcher, Vanessa MacKness, Tim Hodkinson, Barry Harris, Concha Jerez, José Iges, Gabriel Brnic ou Peter Kowald, entre outros.

En 1999 é seleccionado para o X Jazz Meeting organizado pola International Association of Schools of Jazz e no ano 2000 realiza o curso de World Percussion no Berkelee College of Music de Boston.

Colleita unha prolífica carreira artística colaborando con numerosos grupos e artistas, realizando un gran número de concertos, gravacións, xiras internacionais e participando en prestixiosos festivais de todo o mundo.

Como pioneiro no movemento da improvisación libre en Galicia, funda en 1999 o grupo Parto e a súa investigación sobre arte sonora culmina coa creación do Aquófono. Colabora na creación e dirección artística do Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro, así como a Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.G.A).

Dende o ano 2012 ven expoñendo as súas obras máis performáticas nas que relaciona a batería con outras estruturas sonoras e visuais, desde tratores, camións de bombeiros, formigoneiras, grúas, futbolíns ou cabinas de hidromasaxe.

Namorado da cidade de Santiago de Compostela, onde reside dende 1998, combina unha intensa actividade artística con grupos como Sumarrá, co que lle une unha longa traxectoria e unha ampla discografía, Malandrómeda ou o pianista Alejandro Vargas, entre outros, co seu labor como docente na Estudio Escola de Música, así como noutros centros onde é asiduamente invitado para impartir masterclass ou cursos sobre improvisación e experimentación sonora.

A día de hoxe, LAR Legido é unha das figuras nacionais con maior proxección e relevancia no panorama musical da libre improvisación conformándose como un dos seus maiores expoñentes.