Leonor Leal

Xoves 3 / 20:00 h

Sede da SGAE

Conferencia bailada. 50 min

Leonor Leal

El lenguaje de las líneas

Hai poucos textos escritos por bailaoras de flamenco. Hai poucos corpos que publicasen dende as súas imaxes, dende as dúbidas, os desexos, as viaxes ou o amor impreso nas coreografías e iso non significa que non existan. El lenguaje de las líneas desvela moitos destes detalles, de feito, o título orixinal provén dunha conferencia realizada pola gran bailaora Antonia Mercé, La Argentina (1890-1936) no Salon Santé-Beauté de París pouco antes de morrer. Liñas que nos conectan con ela e coa nosa propia aprendizaxe. Coa nosa memoria e cun mapa no ceo que nos segue guiando. Reactivamos e atravesamos nesta conferencia materiais propios e alleos nun formato de reescrituras coreográficas en aire e papel. Retais da historia do flamenco para conversar sobre os procesos de creación, filosofías persoais, anécdotas e cicatrices.

Biografía:

Leonor Leal (Jerez de la Frontera, 1980) é unha destacada bailaora e investigadora, de sólida formación clásica e versatilidade contemporánea. Tras iniciar a súa traxectoria en agrupacións como o Ballet Flamenco de Andalucía, en 2008 comezou unha carreira en solitario con obras aclamadas internacionalmente como Nocturno (2018), En talleres (2019) e LOXA (2020). Dialoga constantemente coa vangarda e foi merecedora de recoñecementos como o Premio Artista Revelación del Festival de Jerez, nominacións aos Premios Max e a recente Copa Jerez de Baile 2025. Avalada polo seu posgrao na UCM e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, compaxina a docencia internacional coa investigación. En 2025 estrea De voz, un cuerpo, un ambicioso proxecto multidisciplinar baseado no legado e a memoria oral de bailaoras retiradas.