Project Description

Manuel Eiris

Manuel Eirís

Xoves 17 de setembro 17 H

Fundación Granell

Inauguración da exposición Manuel Eirís
Comisariado: Mónica Maneiro

Visitas guiadas polo artista e a comisaria ás 17.30, 18 e 18.30 h restrinxidas a 8 persoas

A partir das 19 h entrada libre

O skate asociouse sempre á cultura underground, polo menos estas connotacións tiña durante os anos noventa. Naquel momento as táboas de skate eran fabricadas por pequenas marcas impulsadas por skaters e unidas a toda a contracultura asociada ao mundo da patinaxe.

As táboas, marcadas pola presenza da lixa na parte superior onde se efectúa o contacto cos pes dos patinadores, paradoxalmente agochan na súa parte menos visible, onde se ancoran as rodas, o seu espazo máis personalizado. É aí onde as marcas de skate introducían os decorados. Estes debuxos eran realizados nos anos noventa mediante a técnica da serigrafía que permitía o uso dun número máis limitado de cores que a actual impresión por calor. Ao ser realizadas por pequenas marcas comerciais, a tirada de táboas cun mesmo debuxo era limitada, o que convertía esta arte nun sinal dalgún xeito asociada ao patinador que a posuía. Era difícil ver táboas repetidas por aquel entón, o cal unido á utilización da técnica serigráfica, emparentaba os traballos artísticos das táboas co universo artístico do gravado ou o debuxo.

Estas serigrafías son o punto de partida do proxecto de Manuel Eirís, que a través dun procedemento de pintura que quere achegarse ao accidental replica o rastro deixado nestes debuxos pola acción de patinar.

Si nestas táboas o rastro é unha falta de pintura provocada polo roce da táboa contra as superficies da cidade ou os parques de skate, nas pezas presentadas por Manuel Eirís o proceso é o inverso. Os papeis colocados estratexicamente na superficie da táboa que sofre a acción de roce son coloreados pola acción do papel de calco que o artista presiona de xeito accidental mentres realiza trucos de patinaxe. A abstracción resultante deste proceso no que o máis importante para o artista é evitar a caída, convértese dalgún modo en figuración resultado do acto de tachar, substituíndo as imaxes prefixadas destes debuxos que as serigrafías marcaban.

Trátase de buscar a pincelada pura, aquela asociada á falla de intencionalidade da pintura nos nenos e os tolos. A imaxe resultante é unha imaxe pouco condicionada polo artista, que xurde dunha maneira sincera e que parte dun proceso accidental, non intencionado, no seu efecto directo. O tachado que conforma a imaxe pictórica componse así de dous planos superpostos. Por un lado, a figuración que é a parte máis creativa resultado da acción e por outro lado o compoñente destrutor, máis iconoclasta, da mesma acción.

Para pechar o proxecto os sons dos trucos executados convertidos en pezas sonoras do artista Manuel Eirís, servirán como punto de partida para a improvisación que como colofón á mostra levará a cabo o batería e músico de jazz Lar Legido.