Project Description

Marcha para culleres (Vite 1992)

SÁBADO 18 XUÑO

18.00_Barrio de Guadalupe

Ana Gesto
Performance
Saída: Rúa Celso Emilio Ferreiro, bloque nº4

En Marcha para culleres (Vite 1992) Ana Gesto volve ao barrio da infancia para investigar e afondar nos recunchos da memoria individual e colectiva. O popular utilízase como ferramenta performativa, situándonos nos extremos da cidade, no arrabalde do arrabalde, onde se esvaecen as fronteiras entre o rural e o urbano.

Marcha para culleres é unha acción site-specific en forma de performance sonora que pretende indagar na cotidianidade e os recorridos persoais, como metodoloxía de reflexión sobre a convivencia entre o novo e o vello. A presencia, o espazo, e a materialidade dos obxectos vólvense esenciais para analizar as prácticas culturais e sociais. O son das culleres resoa como tintineo do cotián ou como explosión das engurras do acontecemento.

Ana Gesto (Santiago, 1978) estudou Belas Artes (2003-2008) na Universidade de Vigo e en San Carles de Valencia coa bolsa Sicue/Séneca. Becada pola SUG para estudos de Terceiro ciclo, Nova adxudicación e prórroga, 2009-2010. Formou parte do grupo de investigación “Resistencia e Materialización” da Universidade de Vigo dende 2008 a 2011. Impartiu obradoiros de arte de acción e artes visuais en varias galerías, museos e escolas. Fixo performances en eventos de Arte de Acción e participou en exposicións individuais e colectivas a nivel nacional e internacional. Como en Art d’Acción (Valencia, 2009), Epipiderme (Lisboa, 2011), Acción!MAD11 (Madrid 2011), Corporeidades Feministas en España (Costa Rica 2014), Alén dos xéneros MARCO/Auditorio de Galicia (Vigo e Santiago 2017), ROM Kunst+Arkitektur (Oslo-Noruega 2019), ViolenciaZero (Pontevedra, 2021). Memoria e terra, Recolectoras, (Lugo 2022), Mujeres Dadá de Ediciones Canibaal (Valencia, 2022).