
Xoves 3 / 17:00 h
Fundación Eugenio Granell
Conferencia performativa. 90 min
María Ruido
As regras do xogo
As regras do xogo é unha conversa-performance nunha soa toma entre a escritora e activista Brigitte Vasallo e a artista, cineasta e investigadora María Ruido. A peza aborda de maneira crítica a mobilidade social, a violencia institucional e a performatividade de clase. Nela, María Ruido reflexiona sobre como a mobilidade social non só consiste en gozar de diferentes condicións económicas e sociais senón tamén en asumir un certo número de normas que amputan a posibilidade de movemento interno, que cegan e cancelan algo que che pertence. Ao mesmo tempo a peza denuncia a apropiación elitista da produción artística como mera xeradora da plusvalía simbólica.
Biografía:
María Ruido (Xinzo de Limia, Ourense, 1967) é artista visual, cineasta, investigadora e profesora. Vive entre Madrid e Barcelona e é profesora no Departamento de Cultura Visual da Universidade de Barcelona. Desde 1997, desenvolve proxectos interdisciplinares sobre a construción social do corpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo posfordista e a construción da memoria e a súa relación coas formas narrativas da historia. Máis recentemente, traballou en novas formas de imaxinarios decoloniais e o seu potencial emancipador. Entre as súas obras máis destacadas están as performances La voz humana, Cronología e Hansel e Gretel, coas que comezou a súa carreira en 1997, e os ensaios documentais La memoria interior (2002), Tiempo real (2003), Ficciones anfibias (2005), Plan Rosebud (2008), ElectroClass (2011), Le rêve est fini (2014), El ojo imperativo (2015), Mater Amatísima (2017), State of Discomfort (2019) ou La fábrica y el sexo (2025).
Dende principios da década de 2000, participou en numerosas exposicións nacionais e internacionais, así como en festivais de cine e vídeo, facendo circular a súa obra entre institucións artísticas e cinematográficas. As súas obras forman parte das coleccións permanentes do MNCARS, MACBA, MUSAC, CA2M, CGAC e o Arquivo OVNI.








