Project Description
Marta Fernández Calvo
Domingo 13 de setembro 20 H
Teatro Principal
Marta Fernández Calvo. Concerto Menú
Con Su Garrido Pombo, Paulo Pascual e Faia Díaz
Estrea en Galicia
21 H [voces] Encontro cos artistas
“Hai anos, a miña nai contoume que para conseguir o caldiño denso das patacas á rioxana, había que cravar o coitelo na pataca e cortala mediante un xiro de boneca que fai que a pataca soe.” Marta Fernández Calvo
Concerto Menú é un proxecto ad hoc da artista visual Marta Fernández Calvo que consiste nun recital de receitas sonoras. A variedade de sons que xera a elaboración dunha receita é o fío condutor do proxecto multidisciplinar que cuestiona as fontes e a transmisión de coñecemento e que propón a experiencia vital como forma de aprendizaxe.
Durante as semanas previas ao evento, a artista seleccionará receitas típicas das veciñas e veciños da cidade. Unha vez realizada a selección, a artista gravará o son de cada participante executando o seu prato na súa cociña. Os sons de cada receita serán transformados en pezas musicais por diferentes compositores que serán, á súa vez, intérpretes das súas pezas no concerto.
Para as distintas receitas faremos partícipes a coñecidos restauradores composteláns, a outros personaxes da cidade unidos ao mundo cultural e realizaremos unha convocatoria cidadá para que outras persoas sexan seleccionadas entre os voluntarios que queiran participar.
Os compositores/intérpretes de Concerto Menú son: a música viguesa Su Garrido Pombo, o músico Paulo Pascual e a cantante santiaguesa Faia Díaz.
Os menús serán facilitados ao público a modo de programa-receitario.