Project Description
Fotos Manuel G. Vicente
Masako Hattori, N+
VENRES 4 DE XUÑO
18.00_Parque de Bonaval
Estela de movemento
Estrea absoluta
N+ ESTELA DE MOVEMENTO
所作のあと 《shyo-sa no ato》
Como dixo Jaques Derrida, “Un trazo imborrable non é un trazo”, é unha estela efémera.
Fronte a un espazo baleiro.
Un forte impulso emocional, move a alma do meu corpo.
Os movementos nados dunha tristura persoal ou universal, concreta e ambigua, cal ansiedade, son debuxos arredor do meu corpo que buscan o seu poema/manifesto e deixan unha estela no ar. Se envorco estas estelas nun soporte, poderán elas crear unha dimensión nova na imaxinación?
Os xestos propios da miña identidade xaponesa misturados coas miñas vivencias na Europa, son o punto de partida para esta investigación de movemento e corpo.
A miña experiencia de traballo actoral e performativo, percorre “o val” da miña vida. Este val, é o que coñecemos popularmente en Xapón como, “Jin-sei yama ari tani ari. Na vida hai montañas e vales”, e que fai referencia a que estando enriba, no máis alto da montaña, hai que abrazar a humildade fronte ao abismo, e por outro lado, cando estamos no fondo do val, debemos mirar cara arriba coa esperanza de saber, que o resto do camiño nos levará ao cumio.
Esta alternancia que na vida transcorre, está referenciada tamén nas ensinanzas de Buda, Rin-ne. Segundo Buda, na reencarnación, o movemento físico, oral e mental abarca a vida e os momentos repetidos da morte e o renacer.
Imaxinando, sobre a forma invisible que debuxa a vida, aparece unha espiral de círculos Rin-ne tridimensional que pasa unha e outra vez polo mesmo lugar, pero que intúo pasando sempre en distintos niveis. É quizais esa forma invisible un son que evoca a vertixe da viaxe cara outro universo e que se relaciona fortemente cos meus movementos.
N+ é tamén unha reflexión acerca das persoas. Do enfrontamento coas súas tristuras e dificultades. Da necesidade de atopar a vontade e a forza, como unha luz de esperanza.
Un reflexo contemporáneo da identidade dos artistas. Do camiño vital que percorren, na busca do Rin-ne, a través das súas creacións.
CV
Nada en Xapón é Licenciada en Artes plásticas pola Universidade de Kyoto e Licenciada na Escola Superior de Arte de Aix-en-Provence, Francia, nas especialidades de Vídeo-Arte, Debuxo, Son e Performance. Despois de traballar en Xapón como deseñadora gráfica e profesora adxunta na Unirversidade de Arte e Deseño de Kyoto, trasládase a Francia para ampliar os seus estudos de Belas Artes onde se especializa na performance, da man de Jean-Paul Thibeau, Cristope Haleb e outros artistas e bailaríns.
Na actualidade, ademais das súas instalacións e proxeccións en festivais, colabora con compañías de teatro e danza en Portugal, Bélxica, Francia e España, para as que realiza creación, performance e vídeo-escenográfico. Crea a súa propia compañía de arte escénico multidisciplinar, KOKOHARUKA en 2017 en Santiago de Compostela.