Project Description

Mirar o son

Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea

Mércores 16 de setembro 19.30 H

Auditorio de Galicia, Sala de exposicións

Inauguración da exposición Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea
Comisariado: Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo

16 de setembro – 15 de novembro de 2020

Concerto Vertixe + Inauguración exposición

Aforo limitado
Reserva en Compostela Cultura

A exposición Mirar o son, que recolle máis de douscentos documentos, propón un achegamento ás novas formas de notación musical que xorden aproximadamente a mediados do século XX ata a actualidade. Móstranse exemplos de partituras non convencionais nas que predomina a súa dimensión visual, ou que adoptan linguaxes e sistemas de notación non normalizados. Estas partituras responden a necesidades de notación consecuencia de novas formas musicais, de novos procesos compositivos, das esixencias de notación das formas estendidas de interpretación, da ampliación dos materiais sonoros empregados ou mesmo, en ocasións, do uso da escritura ou a creación visual como ámbito de experimentación compositiva. Atopamos en moitas ocasións conexións con movementos de creación multidisciplinares, como se da de forma paradigmática no caso do movemento Fluxus onde entraron en relación artistas provenientes das artes plásticas, da música, da escritura experimental e doutras disciplinas. Así, a notación gráfica pode entenderse como unha sorte de solapamento do visual co que, nun neoloxismo significativo, denomínase co anglicismo “aural”.

Moitas das partituras expostas, máis aló da súa posible translación sonora, poden considerarse como pura imaxe, podendo ser valoradas dun xeito plástico; de feito, atopamos exemplos de obras concibidas non para a súa interpretación musical, senón para resolverse na evocación sonora que puidesen provocar no espectador, nunha posible “experiencia sonora” xurdida da súa visión; é o caso da denominada “música visual”.

A exposición non pretende un percorrido exhaustivo nin antolóxico senón dar unha mostra variada, con algúns exemplos emblemáticos e ben coñecidos (John Cage, Cathy Berberian, Dick Higgins, Joan La Barbara, LLorenç Barber, Earle Brown, Juan Hidalgo, Tom Johnson, Morton Feldman, Cornellius Cardew, David Young, etc.) e outros quizais menos coñecidos ou máis novos. Os documentos expostos son, en xeral, publicacións máis ou menos accesibles, salvo algúns casos en que se trata de edicións xa esgotadas ou impresións ad hoc de obras inéditas ou publicadas en formatos dixitais.

Mirar o son non é una mostra concibida só para un público especializado ou con coñecementos musicais, senón que ten unha forte intención divulgativa e confórmase dun xeito didáctico. Por iso inclúense documentación audiovisual relacionada coas obras expostas, ademais de publicacións a disposición do público e, por outra banda, hai unha programación de interpretacións dalgunhas das obras expostas que se desenvolve na propia sala de exposicións.