Project Description

Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld

Xoves 08/06 – vernes 09/06

17.30_ Fundación Eugenio Granell
Mónica Episodio 1: Déixena soa
Performance
Duración: 60 min
Entrada libre ata completar aforo

Mónica é o nome das nosas nais. Esta coincidencia fascinounos dende que comezamos a nosa relación: dúas Mónicas, ambas nacidas en Arxentina nos anos cincuenta, fillas de refuxiados de guerra europeos. Ambas loiras e cunha fermosa melena rizada.
Mónica Lilienfeld era pintora e morreu moi nova, en 1986. Mónica Pezdirc posou espida durante toda a súa vida nas fotografías eróticas que lle facía o seu home. As imaxes creadas polas nosas dúas nais serán o punto de partida do primeiro episodio desta telenovela especulativa chamada Mónica.
A modo de visita guiada, miraremos as súas imaxes como seres autónomos e maternantes. Con Mónica Episodio 1 trataremos de subverter a xenealoxía lineal e teleolóxica de maneira que o maternal e as relacións horizontais non heteronormativas sexan tan importantes como a verticalidade patrilineal. Formarase así unha xenealoxía tentacular de maternidades non hexemónicas na que coexistirán non só a épica das guerras, as migracións e outras narrativas patriarcais-historicistas, senón tamén as que foron quedando fóra: pantasmas, amantes, virus, xestos, animais non humanos, cancións, monstros e máis.

Pablo Esbert Lilienfeld e Federico Vladimir(1981 – 1983) formáronse como colectivo en 2014. Traballan e viven entre Galicia e Bruxelas, onde Pablo completou Research Studios na escola P.A.R.T.S. e Federico a Pass Artistic Research. Ambos graduáronse en Comunicación Audiovisual na Universidad Complutense de Madrid, Pablo estudou danza contemporánea no RCPD de Madrid e Federico Visual Communication no Royal Collegue of Arts, Londres. O seu traballo utiliza a ficción especulativa dentro da danza / performance, o documental, a fotografía e a instalación para interromper as narrativas normativas que foron naturalizadas polos discursos históricos. Colaboran con outros artistas como Lina Lapelyte, Janet Novás, Manuel Rodríguez, Marco D’Agostin ou Alessandro Sciarroni. O seu traballo foi mostrado en contextos coma Kasseler Dokfest (Kassel); TanzHaus (Zurich); NAVE (Santiago de Chile); FIDCU (Montevideo); Beursschouwburg (Bruselas); Copenhagen Contemporary (Copenhague); TEFAF (Maastricht); Sant Andreu Contemporani, Loop, El Grec, MACBA y Salmon Festival (Barcelona); Azkuna Zentroa (Bilbao); Cinéma du Réel, (Paris); Queer Lisboa (Lisboa); Santarcangelo Festival y B-Motion (Italia); Madrid en Danza, Veranos de la Villa, MNCARS, La Casa Encendida, CA2M (Madrid); TenerifeLAV ou Escenas do Cambio (Santiago de Compostela).