Project Description
Neves Seara
VERNES 17/05
19.00_ Fundación DIDAC
Perder os papeis. Palabra ferida
Performance
Duración: 60 min
Vestiario e apoio de produción: Bibí Martín
Acceso libre ata completar aforo
Estrea absoluta
Neves Seara rescata para este proxecto unha serie de traballos que fixo sobre papeis vellos e herdados, manipulándoos con lume, texto e cinzas dos incendios de Galicia, ou aplicándolles feridas, cunha máquina de escribir, coa boca…
Tratou de escribir neles os seus poemas afogados.
Para esta conferencia perfomativa a artista quere darlle forma a un poemario visual e sonoro sobre a ferida da palabra e o bule bule que acontece tras “perder os papeis”.
Sobre a incertidume, a fraxilidade.
Sobre aprender a amar a cicatriz, a fenda,
a ferida.
Sobre a palabra que arde.
Sobre a delicadeza da vulnerabilidade.
Sobre todas nós.
Esta fenda definida e inquebrantable que se converte nun oco, unha apertura pola que pase a luz.
“there’s a crack in everything, that ́s how the light gets in”
Leonard Cohen
Neves Seara (Ourense, 1983) é Licenciada en Belas Artes pola Universidade Europea de Madrid. Especialista en Museografía pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou cursos de doutoramento na Universidade Complutense de Madrid. Traballa como escritora, xestora cultural, artista plástica e performer. Dirixiu Aire centro de Arte en Santiago de Compostela durante case nove anos, onde comisariaba as exposicións, impartía clases de arte e creatividade e escribía e coordinaba a revista AIRE. Ademais realizou actividades de didáctica cultural e artística en diversas institucións. Participou en feiras como ArtMadrid, Room Art Fair ou Cuarto Público. Ten realizado mostras individuais en espazos como Galería Metro, no Pazo Torrado de Cambados, a Galería Espacio48, Santiago ou na Galería 9the13, Coruña. Internacionalmente participou en exposicións na Habana, Bruxelas ou Londres. Actualmente dirixe Casa Morada Servizos Culturais con perspectiva de xénero.