Noa e Lara Castro Lema. Profecía do Gran Sol

Sábado 24 / 19:00 h

Centro Galego de Arte Contemporánea. CGAC. (Hall)

Performance
Estrea absoluta
Entrada libre ata completar aforo

Noa e Lara Castro Lema

Profecía do Gran Sol

Profecía do Gran Sol está enmarcada dentro da investigación que Noa e Lara veñen desenvolvendo no últimos tres anos e medio, que indaga nas estratexias da tradición oral da Costa da Morte e nos sistemas compartidos de coñecemento colectivo a través de contos, soños, historias e cancións. 

Esta peza en particular toma como punto de partida o Gran Sol (chamado en francés Grande Sole, que significa ‘grande linguado’), un caladoiro no Atlántico Norte, onde o seu avó pasou a maior parte da súa vida faenando. 

Xogando con este nome e a súa tradución fonética do francés, traballarán con personaxes humanos-peixes contando e cantando sobre soles (peces) e soles (astros), xogando nunha narración onde pasado e futuro únense no presente. Empregar o formato da profecía ou do presaxio para falar do que xa pasou, axúdanos a xerar unha anomalía na narración que altera tamén o seu significado. Profecía do Gran Sol é un conto que reflexiona sobre a vida e a memoria, e sobre como o humano e o non humano están conectados a través da memoria, a violencia, o coidado, o traballo e a morte.

Nadas na Coruña en 1998, realizan o Mestrado en Producción e Investigación en Arte da Universidade de Granada e no 2021 reciben a beca da Fundación María José Jove para cursar o prestixioso Mestrado en Belas Artes do Institute Kunst na FHNW en Basilea (Suíza) do que se gradúan no 2023. Ata o presente teñen participado en festivais e laboratorios, recibido premios e becas de fundacións e institucións como a Fundación María José Jove, a Fundación La Caixa ou a Fundación Botín e participado en exposicións e proxectos sendo os máis recentes Fresh Window no Museo Tinguely (Suíza), Monstro vello dos cantares na galería Argonautas34, Nigrán.  A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía, no Museo de Pontevedra, Norte silvestre agreste na Galeria Municipal do Porto (Portugal), El Gran Grito en Kunsthaus Baselland (Suíza), Where will we go from here? Twelve Art Stories Told From Spain no FKV, durante a Feira do Libro de Frankfurt (Alemaña).

En decembro de 2024 a revista Vanitatis de El Confidencial incluíunas entre os 25 artistas españois menores de 35 anos con maior proxección internacional e en 2025 foron seleccionadas nas residencias de verán da prestixiosa escola Skowhegan en Maine, EEUU.