Project Description
Nuria Sotelo + Luz Arcas
DOMINGO 19/05
20.00_Igrexa da Universidade
Fóra de si
Performance
Duración: 40 min
Concepto e coreografía: Luz Arcas
Intérpretes: Luz Arcas e Nuria Sotelo
Colabora: A Casa Vella e Amarela
Distribucións Escénicas
Prezo: 10 euros (entrada reducida 5 euros)
Estrea absoluta
Fóra de si é un encontro entre Nuria Sotelo e Luz Arcas froito do Ciclo Conexións A Casa Vella, que se presenta no Festival Plataforma como un proceso de creación despois de diversos encontros virtuais e epistolares.
O punto de partida é a investigación que Luz Arcas está a realizar ao redor de El cuerpo jondo:
“Levo uns anos traballando no jondo como motor de movemento interno e punto de partida para os meus bailes. Na busca expresiva e experimental, desligada formalmente de calquera tradición, pero conectada enerxéticamente coas expresións da miña terra, co flamenco, os ritos e supersticións, co folclore andaluz e os seus bailes e cantes do arraigo.”
Luz tratará de acompañar a Nuria nunha viaxe similar, alimentado da súa propia experiencia do mundo, do corpo, a súa comunidade.
Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes e impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, participando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro. Os espectáculos de Licenciada Sotelo, reconvertida a Furia Sotelo teñen sido apoiados pola AGADIC, o Festival ALT de Vigo, o Festival Escenas do Cambio, Corpo(a)Terra entre outros. E teñen participado en programacións e festivais nacionais e internacionais.
Ademais de dirixir os espectáculos de Licenciada Sotelo, realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos. En 2017 é premiada como coreógrafa pola obra Ensaio amor no Certamen Coreográfico de Madrid e recibe o Premio de Interpretación Maruxa Villanueva do Concello de Padrón. No eido social das artes, ten traballado en proxectos para a compañía 5S ou o Festival Internacional de danza Deltebre Dança. No 2019 o seu proxecto escénico comunitario e inclusivo Ser con foi un dos beneficiarios do programa Art For Change da Fundación “la Caixa”. Dende o 2016 ten colaborado nos programas de igualdade do Concello de Allariz.