Project Description
Nuria Vil
DOMINGO 19/05
13.00_Fundación DIDAC
Declaro deserto
Poesía performativa
Duración: 30 min
Entrada libre ata completar aforo
Estrea absoluta
Colabora: Deputación da Coruña
Declaro deserto é un proxecto de poesía expandida e paisaxes sonoras, que entende a poesía como un ente vivo que se nutre de distintas disciplinas.
No proxecto de Nuria Vil o deserto aparece coma un lugar de transformación da voz poética e un elemento máis da memoria colectiva no que se repiten as violencias. Un corpo transita o territorio e déixase atravesar por el para aceptar os cambios e integrar as cicatrices. A intimidade forzada e a incomodidade serán os puntos de partida do traballo performativo de Nuria Vil para dar forma á peza.
“un corpo non esperta enfermo así
como así un corpo non se fai deserto
se non é á forza de esgotarlle os recursos
e a vontade”
Nuria Vil (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) é activista LGTBTQIA+ , antiracista e poeta. O seu traballo artístico, eminentemente oral, envolve a palabra falada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escrita. Fai parte da plataforma literaria A Sega e comparte un proxecto multidisciplinar con MorlitaM (Olga Martínez, música experimental e Iria Silvosa, imaxe analóxica). Cocreou o espectáculo de poesía escénica Dúas gamberras e un micro. Simún (Ed. Chan da Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario escrito. Foi finalista na Gala do Libro Galego 2022. Os seus textos aparecen nas antoloxías Pictura fulgens (Contintametienes, 2023), Alguén nos lembrará (Xerais, 2023), Poesía galega novísima (Urutau, 2020), Trobeir*s do s. XXI (Chan da Pólvora, 2019), Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018). No último ano participou no ciclo poético Pictura Fulgens Reina Sofía, dentro do Festival de Otoño de Madrid 2022, estreou a peza híbrida AVRA no Festival Escenas do Cambio 2023 no Gaiás, fixo parte do ciclo Poetas Di(n)versos coordinado por Yolanda Castaño e tamén do festival de Poesía por Getafe coordinado por Mario Obrero. Formouse no Grao en Estudos de Galego e Español da Universidade de Vigo e no Mestrado en Estudos de Literatura e da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.