
Mércores 2 / 20:30 h
Observatorio Astronómico Ramón María Aller
Teatro. 50 min
Óscar Gómez Mata e Juan Loriente
Makers itinerantes
Makers itinerantes é unha adaptación da peza orixinal Makers concibida para espazos non convencionais, onde a contorna e as persoas que o habitan toman todo o protagonismo. A través dun enfoque poético e filosófico, a obra oscila entre o desbordamento cómico e a contención emocional, entre o disparate e a verdade, para reflexionar sobre a luz, o tempo e o amor. O propósito central deste dúo é o recoñecemento mutuo, ofrecendo unha mirada renovada sobre o cotiá e poñendo en valor a capacidade humana de crear e construír nestes tempos de incerteza.
Biografías:
Óscar Gómez Mata (San Sebastián, 1963) é director, dramaturgo e actor, fundador en 1997 da Compañía L’Alakran en Xenebra. Figura central do teatro contemporáneo francófono e hispano falante, as súas producións exhíbense regularmente en Europa e América Latina. Galardoado co Premio Suízo de Teatro en 2018, foi artista asociado en institucións de prestixio como o Théâtre Saint-Gervais, o SUBS de Lyon e Azkuna Zentroa-Alhóndiga Bilbao. Paralelamente ao seu labor creativo, desenvolve unha actividade pedagóxica e investigadora. Como pedagogo imparte o módulo Penser l’action na Manufacture de Lausana. Foi formador en institucións como a escola Serge Martin, os Chantiers Nomades e o Mestrado en Práctica de las Artes Escénicas da Universidade de Alcalá e de Bilbao.
Juan Loriente (Santander, 1959) é un intérprete e investigador de referencia na creación contemporánea. Formado na Universidade de Cantabria e vinculado a mestres do Odin Teatret, é considerado o actor emblemático do director Rodrigo García, con quen colaborou entre 1999 e 2020 en máis dunha vintena de montaxes. A súa traxectoria inclúe traballos xunto a creadores como Ana Vallés, Pablo Fidalgo, Fernando Rubio, La Ribot, Carlos Marquerie, Juan Domínguez, La Fura dels Baus ou o propio Óscar Gómez Mata. Loriente complementa o seu labor sobre os escenarios coa dirección de proxectos de investigación teatral e radiofónica, desenvolvendo unha destacada faceta pedagóxica como docente en universidades e programas de mestrado especializados.








