Project Description
Paula Quintas. Cía. Traspediante, SET
Venres 11 de setembro – 21 H
Parque de Bonaval
Directora: Rut Balbís
Estrea absoluta
SET é unha peza multidisciplinar onde a danza contemporánea e a música en directo xogan un espazo compartido.
Novos comportamentos e cinética social onde a protección é invisible como mediador do distanciamento social.
A través da tecnoloxía e os límites sociais SET propón un xogo interactivo sen contacto.
Playing experience! #Playingexperience #Playinglimits
Este espectáculo reúne novamente a Rut Balbís e Paula Quintas nun proceso de investigación a través do movemento e o corpo. Nesta ocasión propoñen unha peza de rúa onde o público poida experimentar o propio espectáculo e formar parte del. Ao equipo creativo únese Nacho Muñoz, pianista, compositor de música electrónica.
Rut Balbís é a directora e coreógrafa da compañía Pisando Ovos (2004) residente do Teatro Ensalle de Vigo. A base do seu proxecto artístico é a busca dunha linguaxe artística propia dende o traballo co corpo e o movemento a través da creación escénica contemporánea, reflectida no seu interese polo tratamento das imaxes e o dos tempos lentos. Ata agora, son nove as creacións coas que conta a súa compañía e coas que participa de xeito habitual nas Redes de teatros autonómicas e nacionais. Ademais traballou con outras compañías como Paula Quintas · Traspediante, Airenoar, Matarile, Tricotouses, Chévere, Catro no metro, Sólodos, Ánxela Blanco, Licenciada Sotelo, Iker Gómez, Félix Fernández, Lipi Hernández, etc. Colabora na Radio Galega realizando crónicas de danza e artes do movemento de Galicia e ten dirixido a Aula de Danza da Universidade de A Coruña dende 2009 ata 2019. Recibe o premio do XXI Certamen Coreográfico de Madrid en 2007 cun extracto da súa peza No intre 180 e o Premio da Crítica de Galicia en 2019.
Paula Quintas é bailarina, funambulista, circense, coreógrafa visual e pedagoga. É codirectora do Festival Corpo(a)terra de Ourense e traballa coa pedagoxía da danza con niñxs en Danza Alfaia, cunha liña de investigación contemporánea entorno ao corpo e Danza Nenxs, pedagoxía alternativa, ambos en Santiago de Compostela. Fundadora de Project C-F Dance, cofundadora de Voltage Opposites Project, anteriormente traballou para outras compañías fora de España. Nos últimos anos pertence á compañía TrasPediante coa que ten dous espectáculos en cartel, ademais do recen estreado Plastic: a peza unipersoal Analepsis de danza-circo para rúa e espazos non convencionais e Up2down, espectáculo de danza-circo escénico con versión de rúa xunto a Marta Alonso Tejada.
Nacho Muñoz tamén activo baixo o seudónimo Madamme Cell e Parkour Sonoro, ten presentado os seus traballos en Europa, África e Latinoamérica. Participa en Alg-a e Orquestra de Improvisación OMEGA e Metamovida. Foi produtor de Mercedes Peón, Uxía Senlle ou Ecléctica Ensemble. Actualmente forma parte da banda (premio Martín Codax) de free rock IGMIG e desenvolve en diferentes cidades de Europa o proxecto sobre son e espazo público Sonic Parkour. Nacho Muñoz dispón dunha traxectoria e discografía dificilmente resumible.