Paula Quintas e Ana Gesto. Interconexións atlánticas

Domingo 25 / 18:40 h

Casa das Máquinas

Performance-danza
Entrada ao programa dobre: 10 euros
ENTRADA

Paula Quintas e Ana Gesto

Interconexións atlánticas

Paula Quintas e Ana Gesto únense para conectarse a través deste proxecto titulado Interconexións Atlánticas no que se unen a danza, a performance, a escultura e a instalación.

A materia coa que traballan é o cemento e o formigón, utilizando as cores flúor como reivindicación dos límites e o dereito á beleza do marxinal.

Bloques e bovedillas convertidas en obxectos escultóricos, mesturando a sensibilidade dos corpos coa rudeza dos materiais. Confrontando a liviandade dos movementos orgánicos coa mecanicidade dos pesos e das xeometrías. As rechamantes e vibrantes cores dotan a estes obxectos asociados ao urbano, dun compoñente lúdico que de novo contrasta coa textura do cemento.

Ana Gesto (Santiago de Compostela) é performer e artista visual. Estudou Belas Artes (2003-2008) na Universidade de Vigo e en San Carles de Valencia (onde cursou performance con Bartolomé Ferrando) coa bolsa Sicue/ Séneca. Formou parte do grupo de investigación “Resistencia e Materialización” da Universidade de Vigo dende 2008 a 2011. Impartiu obradoiros de arte de acción e artes visuais en varias galerías, museos e escolas. Fixo performances en eventos de arte de acción e participou en exposicións individuais e colectivas a nivel nacional e internacional. Entre as últimas atópanse Plataforma. Festival de artes performativas (Santiago 2022), Cuerpo a Cuerpo (Palmas de Gran Canaria 2022), Residencias Paraíso (2023), TRAGA. Recital perfo-poético con Yolanda Castaño, Silvia Penas, Branca Trigo, Lorena Souto e Chus Pato (Vigo, 2023) , HARTU! [Album y Cromos Coleccionables de Performers Nacionales] Museo Vostell (Malpartida de Cáceres 2023), Nombrarse volcán. Isla de La palma 2024, Xornadas Cifex 2024, Ollo a Orella 2024, A que me refiro cando falo de corpo, 2025, entre outras.

Paula Quintas (Ourense) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos e investiga os límites e as confluencias das artes corporais, dentro do Programa de Doutoramento en creación e investigación na arte contemporánea, na Universidade de Vigo. Licenciada na Universidade de Santiago de Compostela en Historia da Arte, presentou o seu proxecto final de carreira en BodyArt e vídeo-creación, graduada no Conservatorio Trinity Laban en Danza contemporánea e diplomada en National Centre for Circus Arts de Londres. Paula Quintas- Cía é unha compañía cunha traxectoria de dez anos producindo espectáculos de formatos e disciplinas diversas. O seu traballo destaca polo diálogo entre o corpo e o movemento, xerando un compoñente visual e experiencial a través de códigos contemporáneos. Directora artística do Festival 6 Coreógrafas do Concello da Estrada (Pontevedra). Co-directora de Abanea Festival de danza e movemento (diferentes localizacións en Galicia). Vicepresidenta de Acieloabierto – Red de Festivales de danza contemporánea en espacios no convencionales. Traballa coa pedagoxía da danza en Danza Alfaia, cunha liña de investigación contemporánea entorno ao corpo e liñas alternativas de aprendizaxe en Santiago de Compostela, co proxecto regular pedagóxico. Os seus últimos espectáculos como creadora son : Aurora Boreal (2025), Multiperspectivas (2021-2024), O salón dos pasos perdidos (2023), Nina Ninette (2021), SET (2020), Alma (non é hippie) (2019), Plastic (2018), Analepsis (2017), Up2down (2015).