Project Description

Patricia de Lorenzo

Pequenas mentiras para contar grandes verdades

MARTES 14 XUÑO

19.00_Fundación DIDAC

Chévere interpretada por Patricia de Lorenzo

entrada

Moitas veces ser actriz é funcionar como alguén que está a actuar nunha historia da que forma parte, pero que non é a súa senón a historia que alguén quere contar a través dela; mesmo a pesar dela. Pero o traballo dunha actriz pódese converter tamén nun modelo de resistencia contra esa forma de actuar.

Isto ocorre cando se acepta ser parte dunha historia e falar por unha mesma, ata o punto de aceptar que che cambie a vida e a forma que tiñas de entender o mundo. Deixarse acompañar polo personaxe nun proceso enriquecedor de descuberta e coñecemento. Facer desaparecer a fronteira que te separa do personaxe sen ocultarse detrás da maquillaxe e o disfrace. Construírse en mediadora sobre o escenario. Escoitar os silencios que se ocultan en vidas que tamén merecen ser contadas.

Patricia de Lorenzo (A Coruña, 1971) inicia a súa traxectoria profesional en 1990. Desde entón traballa ininterrompidamente en diferentes disciplinas como teatro, música, dobraxe e audiovisual. En 1994 incorpórase ao grupo Chévere, onde ademais desenvolve outros labores de dirección, administración, produción e xestión da compañía. Participou como actriz en todas as montaxes do grupo Chévere desde 1994, destacando o seu traballo en Teatro do aquí (Rastros, de Roberto Vidal Bolaño, 1998), Moucho Clerk (O roixinol da bretaña, dirigida por Quico Cadaval, 1993), Centro Dramático Galego (Un refaixo para a Celestina, 1993. O incerto sr. Don Hamlet, de A. Cunqueiro, 1991 Yerma, de F. García Lorca, 1990), Pifano (Tatuaxe, 1992), Elsinor Teatro (A canción do deserto,1989).

Entre os premios recibidos destacan: Premio Mestre Mateo 2020 Actriz Protagonista por Eroski Paraíso. Premio Xoglaresa de Outono 2019 concedido polo FIOT de Carballo pola traxectoria artística. Premio María Casares Mellor Actriz Secundaria 2014 por Eurozone. Premio María Casares Mellor Actriz Protagonista 2012 por Citizen.