Project Description
Fotos Manuel G. Vicente
Pilar Albarracín
SÁBADO 5 DE XUÑO
18.00_Praza da Quintana
Pilar Albarracín coa colaboración do grupo Brincadeira
Acción peregrina I
A performance comezará no CGAC ás 18.00 dende onde se sairá cara a praza da Quintana seguindo o camiño de Santiago do Norte (Porta do Camiño, Rúa das Casas Reais, Praza de Cervantes, Rúa da Azibechería e Praza da Quintana)
Esta performance está vinculada coa exposición de Accións peregrinas de Pilar Albarracín que pode visitarse no CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea.
Pilar Albarracín é unha das creadoras claves na renovación das linguaxes artísticas en España. A artista sevillana despunta no panorama español dos anos noventa como pioneira na formulación de moitas das cuestións que se converteron en fundamentais nos anos seguintes, á vez que facía uso da fotografía, a performance ou a instalación, que entraban con forza nun escenario dominado nos oitenta pola pintura ou a escultura como medios fundamentais de expresión artística en España.
Pilar Albarracín invítanos a realizar unha viaxe interior polo acervo iconográfico da cultura española e as súas estampas, desde o popular ata o clixé, con evidentes referencias á contemporaneidade. A carón desta revisión da iconografía e da tradición, en Accións peregrinas tamén fica patente un feminismo que reivindica a presenza da muller, desde a intelixencia ata a provocación, que xoga a alterar a súa imaxe cunha visión marcada pola visceralidade e o humor, para rachar esquemas dos arquetipos presentes na España das últimas décadas.
Nunha nova performance pensada para Galicia, Pilar Albarracín insiste na revisión dos tópicos que protagonizan a nosa historia, reflexionando ao tempo sobre cuestións relacionadas coa identidade e a diversidade cultural, adheríndose ao cotián para que o propio espectador asuma a súa posición dentro dunha narrativa que sempre permanece aberta, sen deixar de ser comprometida con temas sociais.