Project Description

Markus Linnenbrink

FLAMINGLOVEANDDESTINY. Markus Linnenbrink

03/06–11/09_Fundación DIDAC

Instalación site-specific Markus Linennbrink
martes-venres: 11.00–14.00/16.00–19.00
sábado: previa cita

DOMINGO 12 JUNIO

12.30_Fundación DIDAC
Taller para familias dirixido por Alba Cacheda
Idade de 6 a 11 anos

entradas

FLAMINGLOVEANDDESTINY é unha instalación pictórica site-specific na que o artista alemán Markus Linnenbrink ocupa a totalidade do espazo da Fundación DIDAC para convertelo nunha pintura habitable e de enormes dimensións.

A pintura de Markus Linnenbrink (Dortmund, Alemaña, 1961) xera unha complexa atmosfera na que o espazo arquitectónico asóciase co proceso pictórico e cromático, conformando unha experiencia sensorial expandida. En moitas das súas instalacións, as liñas advirten sutís xeometrías que achegan precisión e profundidade, confrontándose con meditados goteos nun interesante equilibrio entre o espontáneo e o racional.

Nesta ocasión, Markus Linnenbrink realiza unha instalación site-specific xogando coas condicións físicas do espazo para ocupar a súa totalidade, converténdoo nunha pintura habitable que impulsa ao espectador a mirar cara a varias direccións e mergullarse na emoción plástica.

A fixación pola cor, nunha gama que prima as complementarias, provoca unha potente fisicidade que deixa fóra de xogo ao cubo branco para multiplicar as súas arestas dotándoo de brillo e luz. Sen romper o patrón formal, o artista mergúllanos nunha sorte de xogo de espellos onde se trastorna a noción espacial, interpelada agora polas súas múltiples liñas en fuga.

Nesta instalación, a pintura supera o plano vertical para deslizarse entre o teito e o chan, impondo un compás dinámico e case frenético, próximo á psicodelia. Se a retícula configurada polas liñas outorga orde ao conxunto, o derramamento da pintura indica o seu carácter fluído, aproxímanos ao xesto e ao proceso. Suxire, en certo xeito, a acción de pintar como un exercicio de capas, revisións e cadencias compasadas entre os propios ritmos cotiáns.

Durante a exposición FLAMINGLOVEANDDESTINY na Fundación DIDAC activarase a peza de Markus Linnenbrink  a través de escoita, o xogo e o movemento, buscando novas posibilidades e miradas. A partir do percorrido, realizaremos un taller dirixido por Alba Cacheda destinado a nenas e nenos de entre 6 e 9 anos, no que investigaremos as relacións entre pintura e arquitectura expostas na instalación.