Project Description

Antón Reixa

Un só familiar por paciente (e non viceversa). Performance.

Xoves 8 de xuño, 2023

20.00 h_Praza do Obradoiro (duración 30 minutos)

Antón Reixa e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dirixida por Casiano Mouriño.

Entrada libre

Nesta performance propoñemos unha visita guiada ficticia. Aínda que simplificando, podemos asumir que o “camiño de Santiago” é unha micro–metáfora da vida. Nesa ruta, hai uns espazos inevitables: cárcere, banco, tanatorio, hospital. Máis che vale non entrar en ningún porque, se saes, será peor que ben. Algún é inevitable, o tanatorio. Na nosa ruta ficticia, todos eses espazos.
Di Antón: “Cando me dan de alta nun hospital, alégrome, pero axiña me envolve a certeza de que estatisticamente volverei entrar nese hospital ou en calquera outro.
Un hospital é un mundo con regras propias. No último que visitei, ás portas de todos os cuartos había unha nota imperativa de “un só familiar por paciente”. E se un non ten familia? E se a familia ou o paciente son “impacientes”?
Ao final, o noso grupo de peregrinos chega a un espazo liberado: o da creación artística.

Antón Reixa, naceu en Vigo no 1957. Renovador da poesía dos anos 70, destaca tamén como intérprete musical, produtor e creador en varias das linguaxes audiovisuais. Reixa estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e entrou en contacto coas vangardas literarias. En 1976 fundou, xunto con Alberto Avendaño e Manuel M. Romón o Grupo Rompente. Con eles publica o Silabario da turbina e dentro da editora do mesmo nome a obra individual As ladillas do travesti. Seguiron ata a actualidade numerosos títulos de poesía. Nun breve período foi profesor de lingua e literatura galegas, mais abandonou o traballo docente para profesionalizarse nos eidos da música, da videocreación e do audiovisual, desenvolvendo diversos labores como director, guionista ou produtor. Realizou tamén incursións na radio e nos xornais como editor de páxinas culturais ou columnista. O 8 de maio de 2012 foi elixido presidente da SGAE, posto que deixou o 16 de xullo de 2013. En 2021 o Goberno de España concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes.