Project Description

Banda Municipal de música de Santiago

Un só familiar por paciente (e non viceversa). Performance.

Xoves 8 de xuño, 2023

20.00 h_Praza do Obradoiro (duración 30 minutos)

Antón Reixa e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dirixida por Casiano Mouriño.

Entrada libre

Nesta performance propoñemos unha visita guiada ficticia. Aínda que simplificando, podemos asumir que o “camiño de Santiago” é unha micro–metáfora da vida. Nesa ruta, hai uns espazos inevitables: cárcere, banco, tanatorio, hospital. Máis che vale non entrar en ningún porque, se saes, será peor que ben. Algún é inevitable, o tanatorio. Na nosa ruta ficticia, todos eses espazos.
Di Antón: “Cando me dan de alta nun hospital, alégrome, pero axiña me envolve a certeza de que estatisticamente volverei entrar nese hospital ou en calquera outro.
Un hospital é un mundo con regras propias. No último que visitei, ás portas de todos os cuartos había unha nota imperativa de “un só familiar por paciente”. E se un non ten familia? E se a familia ou o paciente son “impacientes”?”
Ao final, o noso grupo de peregrinos chega a un espazo liberado: o da creación artística.

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia fundada en 1848. Como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio.

Durante os primeiros anos é unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Unha das súas actividades máis importantes eran os concertos, denominados paseos, na Alameda ou na Rúa do Vilar, o que supón o traslado da música dos seráns privados a un ámbito público onde poden gozar del cidadáns de todos os estamentos sociais. Actúa tamén nas festas e nas procesións de Semana Santa.

Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal e Auditorio de Galicia, Praza da Quintana, Praza das Praterías, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. Conta con 36 compoñentes e a súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e domingos, concertos didácticos nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.