Project Description

Antón Reixa e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela

Xoves 08/06/2023

20.00_Teatro Principal
Un só familiar por paciente (e non viceversa)
Performance
Antón Reixa e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dirixida por Casiano Mouriño
Duración: 30 min
Entrada libre

Nesta performance propoñemos unha visita guiada ficticia. Aínda que simplificando, podemos asumir que o Camiño de Santiago é unha micro-metáfora da vida. Nesa ruta, hai uns espazos inevitables: cárcere, banco, tanatorio, hospital. Máis che vale non entrar en ningún porque, se saes, será peor que ben. Algún é inevitable, o tanatorio. Na nosa ruta ficticia, todos eses espazos.  

Di Antón: «Cando me dan de alta nun hospital, alégrome, pero axiña me envolve a certeza de que estatisticamente volverei entrar nese hospital ou en calquera outro. Un hospital é un mundo con regras propias. No último que visitei, nas portas de todos os cuartos había unha nota imperativa de “un só familiar por paciente”. E se un non ten familia? E se a familia ou o paciente son “impacientes”?»

Ao final, o noso grupo de peregrinación chega a un espazo liberado: o da creación artística.

Antón Reixa, naceu en Vigo no 1957. Renovador da poesía dos anos 70, destaca tamén como intérprete musical, produtor e creador en varias das linguaxes audiovisuais. Reixa estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e entrou en contacto coas vangardas literarias. En 1976 fundou, xunto con Alberto Avendaño e Manuel M. Romón o Grupo Rompente. Con eles publica o Silabario da turbina e dentro da editora do mesmo nome a obra individual As ladillas do travesti. Seguiron ata a actualidade numerosos títulos de poesía. Nun breve período foi profesor de lingua e literatura galegas, mais abandonou o traballo docente para profesionalizarse nos eidos da música, da videocreación e do audiovisual, desenvolvendo diversos labores como director, guionista ou produtor. Realizou tamén incursións na radio e nos xornais como editor de páxinas culturais ou columnista. O 8 de maio de 2012 foi elixido presidente da SGAE, posto que deixou o 16 de xullo de 2013. En 2021 o Goberno de España concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes.

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia fundada en 1848. Como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio.

Durante os primeiros anos é unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Unha das súas actividades máis importantes eran os concertos, denominados paseos, na Alameda ou na Rúa do Vilar, o que supón o traslado da música dos seráns privados a un ámbito público onde poden gozar del cidadáns de todos os estamentos sociais. Actúa tamén nas festas e nas procesións de Semana Santa.

Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal e Auditorio de Galicia, Praza da Quintana, Praza das Praterías, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. Conta con 36 compoñentes e a súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e domingos, concertos didácticos nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.