Project Description

Fotos Manuel G. Vicente

Colectivo VACAburra

DOMINGO 30 DE MAIO

19.00_Teatro Principal

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos
Peza escénica. Estrea absoluta

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos

Colectivo VACAburra

Conferencia-Freak en formato desbordado arredor da lectura escénica dos corpos sexuados. Bastardía disciplinar na busca de carroña metodolóxica e incoherencia corporal que xorde da necesidade de expandir e traducir á linguaxe escénica o proceso de investigación académica da tese doutoral: Sexualidades Des-Xeneradas. 

Metodoloxías Carroñeras é un proxecto do colectivo VACAburra. idea de Gena Baamonde acompañada por Andrea Quintana, onde conflúen dous corpos invertidos cunha longa traxectoria atravesada polo movemento, as artes escénicas e a investigación teórica.

VACAburra. é o resultado da colisión de dúas artistas, unha vaca e unha burra: Andrea Quintana –a variopinta- e Gena Baamonde –mullerona- que unen as súas inquedanzas e traxectorias nun proxecto común que xira en torno a creación escénica e coreográfica. Aberto ao diálogo coutras artistxs e disciplinas, bebendo das diversas linguaxes escénicas para a creación dos seus proxectos.

CV

Andrea Quintana, a variopinta

Bailarina, coreógrafa, diplomada en danza clásica, formada en danza contemporánea en Madrid, Barcelona e Bruselas. Estuda Anatomía Aplicada ao Deporte en Euskadi, en Bélxica estuda debuxo, escultura e Historia da Arte na Academie de Beaux Arts de Saint JooseNode, estuda ilustración na Escola de Arte de San Telmo en Málaga.

Traballa como intérprete para Daniel Abreu, Voadora, Lipi Hernandez, Pablo Esbert, Igor Calonge, Asier Zabaleta, Pisando Ovos, Teresa Navarrete, Hika Teatro, Carmen Werner, Patricia Ruz, Arrieritos ou o CDG entre outros. Colabora en proxectos de colisión artística con Janet Novás, Alberto Cortés, LaMacana, Felix Fernández ou Licenciada Sotelo. Ao longo da súa traxectoria crea seis solos, entre eles Garabato, premio Injuve 2012 ou a súa última peza O raro é que bailar sexa raro. Nos últimos anos realiza proxectos de mediación cultural, practicando alén da creación escénica e impulsando propostas en relación co territorio e as súas artistas na procura de lugares nos que afectar(nos), nutrir(nos) e desbordar(nos). Impulsa La Buena Aventura, espazo de formación e colisións artísticas en Málaga, foi socia fundadora do colectivo RPM e traballou no deseño do programa e mediación do TRCDanza.

Gena Baamonde, mullerona

Creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido da práctica escénica e a creación contemporánea. Interesada nas prácticas artísticas bastardas e nos cuestionamentos da tríada sexo-xénero-sexualidade que atravesan os corpos. Formada en artes escénicas, movemento e dramaturxia, así mesmo ten formación en igualdade, xénero e diversidade sexual. Vén de defender a súa tese de doutoramento, Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea. Entre os seus últimos proxectos escénicos, destaca a dramaturxia e dirección do espectáculo Elisa e Marcela para A Panadaría Teatro, traballo que recibiu, entre outros, o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal, o Premio Luísa Villalta de Igualdade e o XIV Premio LGBT do colectivo ALAS. Dirixiu o espectáculo Neorretranca e Posmorriña para o Centro Dramático Galego, acaba de participar na co-dramaturxia e co-dirección no proxecto O raro é que bailar sexa raro, creación de Andrea Quintana desenvolveu o proxecto Metodoloxías Carroñeras para corpos invertidos co colectivo VACAburra.