Project Description
Vasco Araújo
SÁBADO 25/05
13.00_Fundación DIDAC
E agora para onde vou?
Comisario: Iñaki Martínez Antelo
A produción artística de Vasco Araújo (Lisboa, 1975) caracterízase pola multiplicidade de linguaxes e medios aos que recorre para a formalización das súas ideas. Así, utiliza dende o debuxo ou a pasta de modelar pasando polo vídeo, a fotografía, a performance, a instalación, ou o canto lírico. Vasco Araújo realiza unha reflexión plástica sobre a identidade, que aborda a través da máscara, da transformación, a narrativa e a linguaxe. A arte é un lugar privilexiado para establecer relacións entre a realidade e o artificio, entre o individuo e os outros, entre a vida e a morte.
A súa linguaxe analiza os distintos códigos de comportamento e as relacións entre o suxeito e o mundo, propoñendo cuestións dende a diferencia e abordando temáticas relacionadas co colonialismo, o xénero e a identidade, cuestións sociais e políticas.
Nesta exposición preséntase como peza central a obra titulada E agora para onde vou? de 2020, na que o artista nos mostra dezaseis libros de acuarelas que representan os dezaseis puntos cardinais da Rosa dos Ventos que se utiliza na navegación. A peza é un pensamento introspectivo e psicolóxico sobre unha grande viaxe por todos os mares e océanos sen nunca entrar na terra, como unha viaxe psicolóxica á deriva. Estas acuarelas van acompañadas de textos do artista baseados nos diarios de Fernão Magalhães e do Livro do desassossego de Fernando Pessoa. Malgalhães fixo a primeira navegación dende o océano Atlántico ao océano Pacífico.