Project Description
Fotos Manuel G. Vicente
Conversa Deseño performativo con Verónica Moar e Álvaro Valiño
MÉRCORES 26 DE MAIO
18.00_Museo das Peregrinacións e de Santiago
Modera David Barro
Entre os obxectivos do festival Plataforma está levar a performatividade a campos como a arquitectura, a artesanía ou o deseño, coa idea de tender pontes entre estas disciplinas, as artes visuais e as artes vivas. Neste caso, a relación entre o deseño cerámico, a danza contemporánea e a performance no caso de Verónica Moar, e a capacidade performativa dos pictogramas e as infografías do deseñador gráfico Álvaro Valiño, serán protagonistas dunha conversa entre ambos creadores e David Barro coa idea de proxectar a capacidade expandida das disciplinas artísticas e as potencialidades que otorgan cando son traballadas dende a pluridisciplinariedade.
Apegada a interpretar a paisaxe como materia e como forma, Verónica Moar traballa a cerámica expandindo as súas posibilidades en campos como a escultura, a performance e a danza contemporánea. Tomando como punto de partida unha técnica depurada, o traballo manual, o respecto polo oficio e unha coidada selección do material, o seu traballo caracterízase polo seu matiz poético e narrativo, pero tamén por abrir vías á experimentación creativa desde o deseño e os procesos artesanais, que a levaron a un terreo híbrido e colaborativo con artistas plásticos como Christian García Bello, a performer Helena Salgueiro, poetas como Antía Otero ou coreógrafas como Rut Balbís. Algunhas das súas exposicións, como Lítica, condúcennos a unha paisaxe que se desintegra e distorsiona, que se desfigura e se restaura, onde o xeolóxico, o telúrico ou o sísmico adxectivan de maneira elocuente o seu traballo.
Álvaro Valiño é infografista, ilustrador e deseñador gráfico. Tras comezar a súa actividade profesional en La Voz de Galicia, traballa de forma independente para clientes de todo o mundo como National Geographic Magazine, Sciencie magazine, The Washington Post, The Guardian, El País, Corriere della Sera ou a revista Mongolia, entre outros. Tamén foi xefe do departamento de infografía do xornal Público. Defensor dun discurso sintético, ao operar cos mínimos recursos gráficos para lograr unha efectiva expresividade, Álvaro Valiño parte dunha reflexión previa na que ten tanta importancia o que se omite como o que se destaca. Ademais da faceta informativa, o seu rango de actividade vai desde a expresión persoal lúdica ata o satírico, onde pon o deseño e a ilustración ao servizo da ironía para encarar a realidade de forma crítica. O seu traballo recibiu máis de 30 premios Malofiej, os máis prestixiosos galardóns de infografía.