Project Description

Verónica Ruth Frías

Sábado 10/06/2023

18.00_Cruceiro de San Pedro
Womenhouse
Performance
Duración: 25 min
Entrada libre

Ao longo da historia da arte as mulleres foron expulsadas sistematicamente dos libros; isto creou, durante moitísimo tempo, unha visión androcéntrica da arte que borrou a moitas que merecen un lugar destacado nas nosas conciencias artísticas.
A sociedade cambia, pero a un ritmo moitas veces inapreciable, e neste camiño, houbo artistas e intelectuais que se enfrontaron ao establecido e perpetuado durante séculos e foron abrindo camiños que outras continuaron.
Womenhouse é unha performance de aparencia deliberadamente precaria que, dentro dun proxecto máis extenso que inclúe fotografía e escultura, interpela sobre os espazos íntimos de protección e de resistencia. Un lugar físico e mental preservado polos pensamentos daquelas pioneiras da loita feminista que escribiron os libros que protagonizan a acción. Unhas publicacións que constrúen, ao redor da cabeza da artista, unha zona de angustiosa defensa provocada pola seguridade que nos conceden as ideas que conteñen eses libros e a responsabilidade, para unha creadora posicionada como ela, de estar á altura de todas esas reivindicacións que a precederon.

Convocatoria:

Búscanse voluntarias para participar na performance colectiva. Cada participante terá que levar polo menos catro libros. Para participar enviar un correo electrónico coa solicitude a info@performa.gal

Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978) utiliza o disfrace, a maquillaxe e a camuflaxe para adquirir outras identidades, e para levar a cabo un corpo de traballo performático que incide nunha crítica ácida e frontal sobre cuestións de xénero. A través das súas personaxes, Frías, cóntanos aquilo que lle preocupa, que lle indigna, e que nos fai cuestionarnos os roles da muller na sociedade actual, reafirmando a súa posición nun mundo de homes e, no seu caso, no mundo da arte.