Plataforma. Festival de artes performativas nace cunha vocación e un obxectivo que continúan na actualidade: o enriquecemento da potencia cultural de Santiago de Compostela. Nesta quinta edición chega a ser un dos festivais de referencia na cidade e unha cita cultural indeclinábel para o mes de maio. Consideramos que un festival das características de Plataforma alcance a quinta edición demostra a madurez e a exixencia do público que acode ao festival.
Non é doado etiquetar Plataforma, xa que se trata dun proxecto de carácter transversal que, baixo o fío da performatividade, trata de tender pontes entre artes visuais e artes vivas, a música, a arquitectura, a poesía e outras disciplinas artísticas, traballando en rede e programando accións performativas que están na liña de acción de outras institucións públicas ou privadas como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación DIDAC, ou a sede de SGAE, Sociedad General de Autores e Editores, entre outras. Esta complicidade permite presentar iniciativas que, pola súa natureza experimental e híbrida, non adoitan ter cabida nos programas dos museos ou nas programacións estábeis do ámbito cultural, fomentando en moitos casos a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas, o que favorece o cruce de públicos diversos e interesantes conexións creativas.
Plataforma bríndase á cidade e quere ser patrimonio da mesma, proxectando o talento local, contextualizándoo e destacando a riqueza monumental compostelá. Así, as diferentes localizacións axudan a coñecer os distintos espazos da cidade, xa sexan estes marcos paradigmáticos como a Praza do Obradoiro, a de Praterías, a Quintana, San Martiño Pinario ou a Igrexa da Universidade, parques como Belvís, Santo Domingo de Bonaval, ou mesmo as propias rúas ou prazas da cidade. A isto débense sumar as accións performativas concibidas para a colaboración con agrupacións locais, como é nesta ocasión o Coro da Ra que acaba de cumprir trinta anos de existencia e o celebrará inaugurando esta nova edición de Plataforma da man do músico e compositor Benxamín Otero.
O festival Plataforma comprométese coa riqueza patrimonial de Compostela, mais tamén coa súa diversidade e co fomento da igualdade, pois mantén unha preocupación pola sustentabilidade das súas propostas e pola promoción da arte local. Baixo a dirección da Cooperativa Performa integrada por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, pretende traballar co maior número de axentes, institucións e espazos posibles dunha cidade referente cultural como Santiago de Compostela. Deste modo, o festival encaixa na rica programación cultural santiaguesa pola súa transversalidade, pola descentralización das súas localizacións, pola súa escala, pola súa programación pensada para espazos singulares e pola súa accesibilidade.
Para os membros da Cooperativa Performa, “as accións performativas e escénicas permiten transformar Santiago de Compostela en escenario convertendo a cidade e os seus habitantes nos protagonistas de cada actividade. As artes vivas, polo seu carácter integrador e participativo, pola súa ineludíbel contemporaneidade e pola súa capacidade de provocar a vivencia directa da creación no aquí e agora, son a canle idónea para comunicar a idea de cidade moderna, de territorio vivo, humano e saudábel, que avanza cara o futuro pensando no fomento de valores como a igualdade, a integración social, a saúde, a educación en convivencia, a sustentabilidade, a ecoloxía e o respecto polo patrimonio, potenciando a cultura como eixo transversal que atravesa todos e cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable polos que aposta a Axenda 2030. Plataforma é un festival inclusivo que promove a colaboración o que favorece o cruce de públicos diversos e interesantes conexións creativas”.
Cunha importante representación feminina e unha aposta decidida polo talento galego, Plataforma reuniu ao longo das súas edicións performances, música, danza, teatro, poesía, conferencias performativas, deseño e arte contemporánea en exposicións e mediante accións coa capacidade de unir aos protagonistas galegos con valores de gran recoñecemento internacional. Con estreas absolutas de pezas de artistas performances creadas especificamente para o festival ou accións poético- musicais inéditas.
Presentamos agora esta nova edición, sendo a quinta vez que Plataforma chega á cidade para convertela en escenario privilexiado da creación contemporánea.
Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo
Dirección de Plataforma. Festival de artes performativas








